Cristina López asiste en Gundivós á xornada de Olería 'Conciencia dunha tradición'

A xornada organízase dentro da exposición de pezas que se pode visitar no Vello Cárcere ata o 17 de maio.

Domingo, 12 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Cristina López asiste en Gundivós á xornada de Olería 'Conciencia dunha tradición'

A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López, asistiu á xornada de Olería organizada no Centro Oleiro de Gundivós, organizada no marco da exposición 'Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós'. Na xornada de hoxe, o Centro Oleiro de Gundivós organizou unha xornada de portas abertas coincidindo co remate das pezas introducidas no forno o venres.

Durante o evento, Cristina López indicou que esta mostra e as actividades organizadas arredor dela "permiten ofrecer unha imaxe da riqueza oleira e do modo de vida de épocas pasadas en Galiza e en Lugo", e engadiu "esta mostra é froito dos estudos de Luciano García Alén e do traballo conxunto de coleccionistas, profesionais da arqueoloxía e persoal investigador da USC".

A exposición, que ocupa a totalidade do espazo expositivo do Vello Cárcere amosa ata o 17 de maio unha selección de 250 pezas de cerámicas singulares e de uso cotián na casa galega, producidas nos centros oleiros de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós, os catro máis importantes da provincia de Lugo.

Na mostra, que reflicte as semellanzas e as diferenzas entre as pezas que se fixeron nos catro centros artesanais que coexistiron na provincia de Lugo, valorouse a funcionalidade, antigüidade e decoración das propias cerámicas, e inclúe paneis informativos que proporcionan a máxima información a todas aquelas persoas que se achegan a visitar a exposición, con detalles sobre as tipoloxías, procedencias ou datos máis específicos de tipo etnográfico e arqueolóxico.

'Conciencia dunha tradición. Olaría de Mondoñedo, Bonxe, Samos e Gundivós' dispón tamén dunha reportaxe fotográfica onde se recollen todos os elementos non musealizables asociados ao oficio de oleiro, como camiños ou fornos, así como fotos das persoas que desempeñaron o oficio.

Multimedia

  • Cristina López asiste en Gundivós á xornada de Olería 'Conciencia dunha tradición'

Noticias relacionadas