A Concelleira de Muller e Benestar Social clausurou os cursos de vixilante de seguridade e de especialista en explosivos

Venres, 17 de xullo de 2009
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Muller e Benestar Social, Carmen Basadre, entregou hoxe os diplomas acreditativos aos asistentes ao terceiro curso de vixilante de seguridade, e o segundo Curso de Especialista en Explosivos e Escolta Privado que se impartiron a cargo do Grupo Cetssa, e que estiveron organizados pola súa Concellería a través do Servizo Municipal de Drogodependencias.

Foron dúas accións formativas que se desenvolveron dende o pasado 12 de marzo. O primeiro dos cursos corresponde á terceira edición do Curso de Vixilante de Seguridade, que contou con 50 participantes, o total das prazas ofertadas. A duración do curso foi de 180 horas.

A segunda das accións formativas consistiu no segundo Curso de Especialista en Explosivos e Escolta Privado e que tamén foi impartido por técnicos do Grupo Cetssa. Este curso contou tamén coa ocupación total das 15 prazas ofertadas. O curso contou cun total de 90 horas de clases.

A Concelleira felicitou aos participantes por chegar ata aquí e indicou que “para nós é unha satisfacción realizar estes cursos e que lles sirva aos alumnos para atopar un emprego e acadar un futuro mellor”. Os cursos estiveron dirixidos á poboación lucense maior de 18 anos e, especialmente, a aqueles colectivos con dificultades sociais.  Actualmente calquera destes cursos conta cun amplo abano de saídas laborais. Cabe destacar que máis do 50% do alumnado que realizou o curso de vixiante de seguridade do ano pasado está prestando os seus servizos como profesional deste sector.

Os dous cursos estiveron subvencionados polo Plan Nacional de Drogas e o Concello de Lugo o que reduciu notablemente o prezo da matrícula.

Prevención de Drogas

Multimedia

Noticias relacionadas