A Concelleira de Economía convida á Xunta a sumarse á Rede Mercurio que traballa para a creación de empresas en Lugo

Venres, 23 de setembro de 2011
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos, Sonia Méndez, fixo hoxe un chamamento á Xunta de Galicia a sumarse á Rede Mercurio, formada, hai dous anos, por institucións lucenses co obxectivo de traballar conxuntamente para a creación de empresas na cidade.

Sonia Méndez fíxolle este convite á Xunta no acto de presentación da nova canle de comercialización on line da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo, un acto no que participou acompañada polo Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro; a Delegada Territorial da Xunta, Raquel Arias, e a Presidenta da Asociación de Mulleres Empresarias, Beatriz Varela Regueira. O acto celebrouse esta mañá nas instalacións do CEI Nodus.

A Concelleira de Economía gabou esta iniciativa que dixo “é exemplo de colaboración institucional, xa que conta con financiamento da Deputación provincial e da Xunta de Galicia”. Do mesmo xeito, considerou importante que a Xunta se adhira á Rede Mercurio.

Sonia Méndez lembrou que o Centro de Empresas e Innovación do Concello de Lugo está sempre á disposición das empresas e dos autónomos da cidade, ós que lles ofrece as súas instalacións para manter reunións ou vídeo conferencia, no caso de empresas xa consolidadas, e tamén ofrece os seus locais para a creación de novas iniciativas empresariais, ademais de poñer ó seu dispor as aulas de formación coas que conta o CEI-Nodus.

Ademais, Méndez expresou o seu agradecemento á Asociación de Mulleres Empresarias polo labor que desenvolve na cidade, xa que é unha asociación que traballa para fomentar o nacemento de empresas formadas por mulleres e para a creación de postos de traballo. Por este motivo, a Concelleira de Economía, Emprendemento e Autónomos manifestou que “o Concello continuará colaborando coa Asociación de Mulleres Empresarias”.

Empresarias na rede

Sonia Méndez participou esta mañá na presentación de e-Deidades:Empresarias de Lugo na Rede. Trátase da nova ferramenta de difusión on line de dito colectivo lugués, composto na actualidade por 100 entidades e creada coa colaboración de ditas administracións. A institución provincial, dentro da súa aposta polo impulso ó tecido empresarial, investiu 46.000 euros neste proxecto, facendo posible a súa execución ó ser esta a máxima achega outorgada, que supera en dez veces máis a efectuada pola Xunta de Galicia. A maiores, a Deputación dota a este colectivo, que se afinca de xeito gratuíto nun dos locais do Centro de Empresas e Innovación posto en marcha polo Concello de Lugo, do material tecnolóxico necesario para poder levar a cabo o seu traballo mediante o Innova-TE, o proxecto tecnolóxico co-financiado nun 70% pola Unión Europea.

Gómez Besteiro lembrou que as mulleres empresarias arrincaban hai 3 anos esta iniciativa, sendo pioneiras no sector empresarial lucense xa que, por aquel entón, non existían iniciativas encamiñadas á creación dun gran centro comercial virtual. “Esa aposta pola incorporación das novas tecnoloxías para xerar riqueza, foi o que motivo á Deputación á sumarse a este proxecto dende un principio. É e que, fronte á austeridade, o que debemos priorizar é o gasto xusto e útil”. Pola súa banda, Beatriz Varela agradeceu o apoio das institucións e destacou que “este proxecto por fin é unha realidade porque a Deputación asumiu o 76% do custe total mentres que a Xunta aportou 5.000 euros”.

Enlace con Los Produtos de Lugo

O espazo web conta cun directorio virtual no que as empresas da asociación teñen a oportunidade de darse a coñecer e amosar a súa actividade. A maiores, co obxectivo de incrementar os beneficios do sector empresarial, a Deputación incorporou un enlace na mesma portada de e-Deidades para que as entidades se sumen a Los Produtos de Lugo, a 1º plataforma de comercio electrónico na provincia posta en marcha polo organismo provincial co Innova-TE, permitíndolles, de xeito totalmente gratuíto, poñer á venda os seus produtos.

Ata o momento, 29 empresas da Asociación de Mulleres Empresarias de Lugo se sumaron sen custe algún a este proxecto, promocionando e comercializando a súa labor na Rede. Co fin de que se adhiran a totalidade das 100 entidades que integran este colectivo, profesionais do In Lugo, o 1º centro de innovación social en Galicia que arrincou a Deputación, está a ofrecer de xeito práctico e in situ, é dicir, nos propios establecementos, asesoramento e información sobre as vantaxes este proxecto.

As entidades adheridas son as seguintes: Academia Attelier; Al-Pazo Peluquería; Asin Lucense S.L; Autoescuela Avenida; Camaleon Tattoo; Caracacho S.L; Fermar-Autoesc. Alberto S.L; Frigoríficos de Lea S.L.; Granxa Maruxa; Inpe Sons; Ángeles Lombao Vigo; Jomer Decoración; Laura Uñas Esculpidas; Limpiezas Peña S.L.; Queixos Pacita; Tintorería Parque; Tu Descanso; Viajes Almar S.L; Pilar García Porto; Lotería Lastra; A Porta; Ampelos Correduría; Movalsa Asesores; Siente Galicia; Destellos; Galisorei Delicatessen; Optometristas Lucenses e Chicadecanela.

Incremento das vendas

Estas entidades engádense ás 26 que, na actualidade, ofrecen a través de Los Produtos de Lugo un total de 150 produtos. Tal é así, que o 60% xa lograron incrementar as súas vendas grazas á plataforma da Deputación. É que a través deste “centro comercial” virtual que o organismo provincial pon a disposición do tecido empresarial a custe cero permítelles anunciarse, vender e distribuír os seus produtos en novos mercados as 24 horas do día; realizar operacións de pago electrónico e facturación electrónica; incrementar a autonomía das empresas na xestión dos seus catálogos de produtos; ofrecer, por vez primeira, unha imaxe de marca de Produtos de Lugo independentemente do proveedor; e aforrar tempo e cartos os seus usuarios.

Para elo, só é preciso entrar en www.losproductosdelugo.com onde se atopa o catálogo de produtos de alimentación, artesanía, moda, servizos de lecer e mesmo instrumentos musicais, entre outros. O mecanismo para comprar é rápido e sinxelo: hai que elixir os produtos desexados, incorporalos á cesta da compra pulsando sobre a imaxe do carriño da compra e tramitar o pedido, elixindo a forma de pago. Todas as transaccións se efectúan mediante unha conexión totalmente segura que garante a privacidade dos datos do comprador.

Ademais, os usuarios teñen a posibilidade de rexistrarse como clientes, o que lles permitirá facer dun xeito máis sinxelo as futuras compras. O comprador consulta un só catálogo de produtos, realiza un único pago e recibe unha única entrega dos mesmos, o que constitúe un modelo innovador no mercado on line. O cliente, que non está obrigado a facer un pedido mínimo, recibe o material adquirido nun mínimo de 48 horas, tendo a posibilidade de coñecer en calquera momento a situación do pedido en curso ou consultar os realizados anteriormente. No caso de non quedar satisfeito, pode devolver calquera artigo nun prazo de 15 días hábiles dende a data de recepción.

Multimedia

Noticias relacionadas