A Policía Local de Lugo intervén en varias actuacións de carácter asistencial e preventivo.

ACTUACIÓNS EN LOCAIS DE LECER E HOSTALARÍA
Durante as inspeccións e vixilancia en locais de lecer e hostalaría, nun dispositivo conxunto da Policía Local de Lugo e a Policía Nacional levantáronse un total de 14 actas con 12 identificacións persoais, por distintas infraccións á normativa da lei de espectáculos públicos e actividades recreativas, protección ao consumidor e ordenanzas municipais, todo isto, dentro das tarefas de control e prevención continua no ámbito do lecer nocturno:
Nun primeiro control, en locais inspeccionados situados na zona noroeste da cidade, leváronse a cabo un total de 9 infraccións detectadas por distintas infraccións de normativa local e autonómica (licenza non visible, ausencia de carteis de alcohol a menores, extintores caducados, videovixilancia sen autorización, ausencia de autorización de terraza e follas de reclamación non autocopiativas).
A continuación, o control e inspección leváronse a cabo na zona centro e proximidades da cidade, con 5 actas levantadas por permitir consumo en terraza sen autorización, sacar envases á vía pública e exceder o horario de peche en máis dunha hora, ademais de ouriñar sobre o patrimonio histórico. Tamén se identificou un menor e levantouse acta por infracción á Lei de Residuos de Galicia.
Estas actuacións enmárcanse dentro do plan de control sobre o cumprimento da normativa municipal e sectorial en materia de seguridade, consumo e convivencia, co obxectivo de previr situacións de risco para os usuarios e garantir a conciliación coa veciñanza.
DENUNCIA POR POSESIÓN DE SUBSTANCIA PSICOACTIVA SEN PRESCRICIÓN MÉDICA
No transcurso do servizo de control de locais de lecer nocturno, os axentes actuantes observaron a presenza dun grupo de mozos reunidos nas inmediacións dun establecemento. A súa actitude facía sospeitar que puidesen estar a consumir algún tipo de substancia.
Ante tales feitos, os axentes procederon a identificar a todos os presentes e a realizar un rexistro corporal externo conforme ao establecido na normativa vixente.
Ante a posesión inxustificada desta substancia psicoactiva, procedeuse á súa incautación e informouse ao portador de que se levantaría acta por presunta infracción do art. 36.16 da Lei Orgánica 4/2015 de Protección da Seguridade Cidadá por posesión ilícita de drogas en lugares ou establecementos públicos.
ACTUACIÓNS RELACIONADAS CO TEMPORAL "MARTIÑO" E OUTRAS INCIDENCIAS EN VÍAS E EDIFICIOS
Debido aos efectos do temporal e outras situacións de risco estrutural, realizáronse diversas intervencións co fin de previr accidentes e garantir a seguridade na vía pública:
- Caídas e riscos por desprendementos:
- Rúa Rof Codina: retirada dunha chapa de grandes dimensións con risco de caída.
- Rúa Valle Inclán: retirada de cachotes por risco de caída, con apoio de bombeiros e corte de tráfico.
- Rúa Dinan e Salvador de Madariaga: revisión de planchas metálicas con requirimento ás súa comunidades para a reparación urxente.
- Rúa Concepción Arenal: conflito por obra sen licenza e posible afección a propiedade colindante.
- Outros: canalóns soltos, persianas, fachadas e lousas con perigo de desprendemento, quedando todos os riscos controlados tras a intervención dos bombeiros e os avisos aos propietarios.
- Postes telefónicos en mal estado en Salvador de Muxa: elaborado informe e traslado á compañía para a súa reparación.
- Árbore con rama fracturada na Praza San Lourenzo: zona acoutada e aviso á empresa de mantemento.
OUTROS SERVIZOS RELEVANTES
- Grafiti en valado privado: No Barrio da Chanca sorpréndese a un mozo que estaba a realizar un grafiti nun valado de protección, sendo identificado e intervéndoselle tres sprays de pintura, levantándose acta de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá.
- Actuación contra a actividade ilegal de “gorrillas” na contorna do HULA: Dentro das actuacións habituais de control na contorna do Hospital Universitario Lucus Augusti, os axentes identificaron unha persoa que exercía a actividade de aparcacoches, realizando indicacións aos condutores para estacionar nos lugares habilitados da vía pública. A persoa foi denunciada e requirida para cesar na actividade, accedendo a abandonar a zona. Durante a intervención, os axentes detectaron no seu poder unha substancia estupefaciente, presumiblemente haxix, que foi intervida e depositada en dependencias policiais, tramitándose a correspondente denuncia por infracción á Lei Orgánica 4/2015 de Protección da Seguridade Cidadá.
- Mercado de Frigsa: Dentro do programa de vixilancia e seguridade dos mercados municipais, levantáronse dous expedientes de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá ao sorprender a dúuas persoas ocupando espazo público para a venda ambulante sen autorización.

