Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 16 de agosto de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Comprobación medidas Covid

Durante os días da fin de semana, no marco dos controis realizados polos axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio, confeccionáronse 5 actas - denuncia, catro delas por reunións de non conviventes durante o horario de 1’00 a 6’00 horas e unha por non facer uso da máscara sen manter a distancia de seguridade interpersoal.

Ademais, procedeuse a denunciar a unha persoa, por infracción á Lei de Residuos de Galicia, por ouriñar na vía pública.

Molestias por ruídos

Os axentes de Policía de Barrio interviñeron en cinco ocasións por queixas por ruídos en distintos puntos da cidade, como a Rolda de Fingoi ás 5’15 horas do día 15,  Camiño Verde ás 2’00 horas do día 14, Xoana de Castro ás 1’20 horas do día 14, Perpetuo Socorro e outros, véndose na obrigación de confeccionar denuncia nunha das ocasións, por infracción á Ordenanza Municipal de Protección Ambiental, xa que no resto dos casos as molestias cesaron coa presenza e advertencia policial.

Intervención por pelexas

Ás 19’00 horas do día 15, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasladáronse a un local de hostalería da rúa Mariña Española, xa que a Sala do 092 recibira un aviso de que no lugar estaban a pelexarse dous clientes. Unha vez no lugar localizan, na terraza, a unha persoa que inicialmente corresponde coa descrición dun dos implicados, o cal manifesta que efectivamente discutiu con outra persoa pero sen chegar a existir agresión.

Posteriormente localízase ao outro implicado, que di ser agredido, presentando lixeiros  arañazos nun dos antebrazos.

Os axentes proceden á localización e identificación de tres persoas que foran testemuña dos feitos.

Infórmase a cada un dos implicados dos dereitos que lles asisten, así como do procedemento que haberían de seguir se desexan presentar algún tipo de denuncia ou reclamación.

Ás 22’10 horas do mesmo día, os axentes de Policía de Barrio son comisionados en cálea Pintor Villamil, onde dúas persoas denuncian ser agredidas por outra. Unha vez no lugar, os policías contactan cos  requirentes, que din ser agredidos por outra persoa que se ausentou de lugar, ofrecendo a súa descrición, sen que puidese ser localizada nas inmediacións.

Os policías localizaron tamén a unha persoa que resultou ser testemuña dos feitos, pescudando tamén o “mote” polo que se coñece ao presunto agresor.

As persoas agredidas foron informadas dos pasos para seguir para denunciar os feitos.

Auxilio a cidadáns

Durante os días da fin de semana, os axentes de Policía de Barrio foron requiridos para prestar auxilio a varios cidadáns: na rúa Narciso Peiteado para axudar a unha muller de 96 anos que se caeu no seu domicilio, sendo incapaz o seu acompañante de levantala sen colaboración; outra muller caída no seu domicilio na rúa San Roque.

Ás 2’40 horas do día 15 os axentes observan a presenza de tres mulleres de 20 anos de idade na Avd. Rodríguez Mourelo, interesándose por se necesitan algo, ao que responden de forma negativa. Máis tarde, durante a mesma noite, recíbese requirimento das mesmas rapazas, que se senten seguidas por un home. Unha vez no lugar, sen que se observe a presenza do citado home, as mulleres manifestan perder o autobús e que tiñan que pernoitar en Lugo ata as 9’00 horas, polo que, ao dicir que carecen doutros medios, ofréceselles a posibilidade de facer uso do albergue municipal, ao que son acompañadas polos axentes.

A Policía de Barrio tamén prestou axuda a unha muller que solicitou ser acompañada ao lugar onde residía ata ese momento para retirar varios enseres do mesmo. Os axentes permaneceron coa muller ata que, en presenza do home co que convivía ata ese momento, retirou varias pertenzas persoais.

Tras realizar diversas indagacións, sen chegar a obter ningún indicio que a existencia dalgún tipo de malos tratos, os policías deron por finalizado o servizo.

Ás 00’50 horas do día 14, os membros da Policía de Barrio, tamén auxiliaron a un home que se achaba tendido sobre a beirarrúa, aparentemente nun estado de embriaguez que non lle permitía valerse en por si; polo que se solicitou a presenza dunha ambulancia, que prestou a primeira asistencia e posteriormente procedeu ao seu traslado ao  HULA.

Detención de dous individuos por un presunto roubo

Ás 3’50 horas do día 15 recíbese un aviso na Sala do 092 por un presunto roubo nun establecemento da zona do Parque Rosalía de Castro. Se  comisionan varios indicativos no lugar, conseguindo localizar aos dous presuntos autores nas inmediacións, os cales son recoñecidos polo propietario do local, quen, despois de activarse a alarma do establecemento no seu móbil, estaba a seguir aos individuos.

Ademais de por un presunto delito de roubo con forza, xa que para acceder ao local para levar numerosas botellas de diversos licores, forzaron unha das xanelas; un dos suxeitos foi detido tamén por un presunto delito de resistencia aos axentes da autoridade, xa que se negou en todo momento a identificarse e tentou agredir aos policías, á vez que lles ameazaba de morte.

Filtros de seguridade viaria

Durante os  filtros de seguridade viaria levados a cabo durante a fin de semana, os axentes da Unidade de Atestados confeccionaron denuncia contra un condutor de automóbil que lanzou resultado positivo (THC, Cánnabis) nas probas realizadas para a comprobación do consumo de drogas. Sanción de 1000 euros e detracción de 6 puntos do permiso.

Tamén instruíron dilixencias, por un presunto delito contra a seguridade viaria, por conducir un vehículo de motor baixo a influencia do alcol, contra o condutor dun turismo que lanzou un resultado positivo de 0.97 e 0.91 mg/ L. (Requirimento de Policía Nacional).

Noticias relacionadas