O Presidente da Deputación e a Alcaldesa de Lugo supervisan as obras de aglomerado da Avenida Infanta Elena

- José Tomé Roca destacou que o bo ritmo ao que avanzan os traballos de desdobramento e humanización da vía, nos que a institución inviste máis de un millón de euros, fai prever que a execución do proxecto estará rematada no mes de xuño

- Despois das tarefas de asfaltado, que rematarán esta semana se as condicións meteorolóxicas o permiten, procederase á sinalización e á plantación do arboredo, co que quedarán concluídas as actuacións

- “Hoxe por hoxe vemos moi próximo o fin destas obras, unha gran noticia para o Concello e para a Deputación porque este proxecto beneficia aos veciños e veciñas da cidade, pero tamén de toda a provincia, sobre todo ós que veñen da parte norte”, subliñou o Presidente

- A rexedora explicou que o desdobramento “redundará directamente na mellora da seguridade viaria, xa que as obras posibilitaron non só a ampliación da calzada, senón tamén a creación de itinerarios accesibles en ambas marxes”

- Grazas a este proxecto, o treito da Avenida Infanta Elena que vai dende o enlace coa Ronda Norte á glorieta 25-N pasará a ter entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura de Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido

 
Martes, 24 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Presidente da Deputación e a Alcaldesa de Lugo supervisan as obras de aglomerado da Avenida Infanta Elena

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisaron este martes a execución das obras para o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, na que esta semana se desenvolven os traballos de aglomerado do firme.

Durante a visita, José Tomé destacou que o bo ritmo ao que avanzan os traballos, nos que a institución provincial inviste máis un millón de euros, fai prever que a execución do proxecto estará rematada no mes de xuño. Así, explicou que, tras acometerse as obras de fábrica, nesta semana completarase a capa de afirmado se as condicións meteorolóxicas o permiten, o que permitirá abrir a vía ao tráfico rodado, para logo proceder á dotación de sinalización horizontal e vertical e á plantación do arboredo, co que quedarán concluídas as actuacións.

“Hoxe por hoxe vemos moi próximo o fin destas obras, unha gran noticia para o Concello e para a Deputación porque este proxecto beneficia aos veciños e veciñas da cidade, pero tamén de toda a provincia, sobre todo ós que veñen da parte norte”, destacou o mandatario provincial.

Grazas a este proxecto promovido polo Concello de Lugo e financiado integramente pola Deputación de Lugo, o treito da Avenida Infanta Elena que vai dende o enlace coa Ronda Norte á glorieta 25-N pasará a ter entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura de Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido, o que mellorará a seguridade e comodidade de condutores e peóns, así como a fluidez do tráfico.

O Presidente da Deputación e Alcaldesa de Lugo estiveron acompañados pola Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e polo Concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández Méndez.

Compromiso da institución provincial

José Tomé destacou que estas obras “son froito da colaboración da Deputación co Concello de Lugo, un compromiso firme coa Alcaldesa e cos lucenses para mellorar a vida da xente, investindo nun servizo público que favorece a mobilidade sostible”. Lembrou o Presidente que “este apoio súmase á aportación de medio millón de euros do Plan Único, entre outras colaboracións”.

O mandatario provincial recalco que estas obras mellorarán “de maneira substancial a seguridade viaria e da accesibilidade de condutores, viandantes e ciclistas” transformando “unha das arterias de comunicación máis importantes de Lugo, cun tráfico diario superior aos 8.400 vehículos, cun índice de 711 vehículos pesados ao día, e moi utilizada polos peóns”. Tomé Roca incidiu en que “a Avenida Infanta Elena é o principal acceso á zona norte da cidade e comunica o centro cos polígonos do Ceao e As Gándaras, e coas saídas da cidade pola A-6 e a N-VI”.

Así mesmo, que o treito que está a día de hoxe en obras é a primeira fase dunha actuación que se completará cunha segunda fase para chegar ata a rotonda do Ceao.

Pola súa banda, a Alcaldesa lucense, Lara Méndez, enmarcou a obra na relación de entendemento e permanente colaboración que manteñen Concello e Deputación e quixo agradecer ao organismo provincial o seu apoio para a materialización da mesma, ao tempo que destacou que “o desdobramento de Infanta Elena redundará directamente na mellora da seguridade viaria, tanto para a circulación rodada como para a peonil, xa que as obras posibilitaron non só a ampliación da calzada, con dous carrís en cada sentido, senón tamén a creación de itinerarios accesibles en ambas marxes”.

“Falamos dunha humanización que camiña na senda iniciada dentro da segunda transformación do municipio que estamos a impulsar neste mandato e dentro da que se inclúen solucións de mobilidade sustentables e efectivas que, nesta contorna, pulan por conciliar a convivencia entre transeúntes, vehículos e ciclistas, a través do carril bici que dá continuidade ao xa existente na zona”, indicou.

A rexedora lembrou tamén que as obras supuxeron nese treito a dotación dos servizos de abastecemento, saneamento e iluminación pública “para o que xa se tiveron en conta tanto a situación actual como as demandas futuras que derivarán do desenvolvemento do solo urbano non consolidade e do chan urbanizable que contempla o PXOM”.

A intervención se traducirá, segundo incidiu Méndez, nunha importante mellora nunha vía que xa se constitúe como un dos principais accesos de entrada e saída ao centro da cidade e recordou a magnitude do proceso que implicou a tramitación, por parte da Administración local, da expropiación de 33 parcelas e a ocupación temporal doutras 32 que, no seu conxunto, sumaban preto de 5.500 m² de terreo polos que o Concello abonou 132.639 euros para facer posible o desdobramento.

Enlace Ronda Norte – Paulo Fabio Máximo

No tramo que vai do enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte ata a Avenida Paulo Fabio Máximo actuouse xa para que a vía de 11 metros de ancho, cun único carril por cada sentido de circulación, sen beirarrúas e sen alumeado, adquira un ancho de 30 metros. Na marxe dereita terá dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado con dobre liña e separador físico con elementos de plástico reciclado. Na marxe esquerda terá tres carrís de circulación, en sentido centro da cidade. Crearanse beirarrúas a ambas marxes de 4,05 metros cada unha, que contarán con arboredo, bancos e papeleiras, e unha mediana de 1,40 metros con céspede e arboredo. Dotarase tamén de alumeado.

Rotonda Paulo Fabio Máximo

Para favorecer a seguridade e fluidez do tráfico, á altura da intersección coa avenida Paulo Fabio Máximo -antes regulada por semáforos-, quedará instalada unha rotonda. Na marxe dereita –en sentido O Ceao- dase continuidade ao tránsito peonil e de bicicletas, urbanizando a sección completa ata o paso de peóns e de ciclistas, e conectando coa calzada preexistente. Na marxe esquerda, dase continuidade tamén ao itinerario peonil coa adaptación do paso de peóns existente.

Glorieta Paulo Fabio Máximo – Glorieta 25N

Esta parte da vía xa estaba completamente urbanizada e contaba con 30 metros de ancho, as mesmas dimensións coas que se está a dotar o tramo que vai dende o enlace coa Ronda Norte a Paulo Fabio Máximo. O obxectivo do proxecto neste caso era darlle continuidade ao trazado e circulación de peóns, bicicletas e vehículos, redistribuíndo o espazo das calzadas para que quede igual que o treito Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo. Deste xeito, pasarase dos actuais dous carrís por cada sentido a establecer na marxe dereita dous carrís de circulación de vehículos sentido O Ceao e un carril bici con ambos sentidos de circulación, segregado do tráfico rodado. Na marxe esquerda quedarán tres carrís de circulación, sentido centro da cidade. As beirarrúas quedarán como estaban, con 2,40 metros de ancho cada unha, ao igual que a medianeira, que seguirá tendo 5 metros de ancho, pero acondicionarase con árbores.

En canto á iluminación, será de baixo consumo, cun total de 144 puntos Led. Colocaranse no tramo sen iluminar actualmente (Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo) e substituiranse as actuais luminarias na parte restante (Paulo Fabio Máximo-glorieta 25N).

Carril bici

O novo trazado do carril bici permite conectar coa parcela na que se está construíndo o edificio Impulso Verde, o primeiro público de Galicia construído con madeira galega, un proxecto enmarcado no plan Life Lugo+Biodinámico, que impulsa o Concello de Lugo con fondos europeos e coa colaboración da Deputación de Lugo.

Ademais das actuacións urbanísticas, o proxecto inclúe os servizos de saneamento e abastecemento: a dotación no tramo Ronda Norte-Paulo Fabio Máximo e o reforzo das canalizacións existentes no de Paulo Fabio Máximo-Glorieta 25N.

Audio

Multimedia

  • O Presidente da Deputación e a Alcaldesa de Lugo supervisan as obras de aglomerado da Avenida Infanta Elena

Noticias relacionadas