Comezan os traballos de plantación de especies vexetais nas zonas peonalizadas de Montevideo e Santo Domingo, no marco de Lugo Corazón Verde

As rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira e Quiroga Ballesteros incorporarán máis de 40 árbores de gran porte, camelias e 15 parterres con herbáceas para enriquecer o espazo urbano.

O alcalde, Miguel Fernández, supervisou os traballos acompañado de persoal técnico e representantes veciñais para consensuar in situ as solucións máis axeitadas en cada punto.

Miguel Fernández destacou que “o diálogo coa veciñanza e a aposta pola calidade vexetal son claves para avanzar nun centro máis amable, verde e pensado para as persoas”.

Xoves, 24 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comezan os traballos de plantación de especies vexetais nas zonas peonalizadas de Montevideo e Santo Domingo, no marco de Lugo Corazón Verde

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, visitou esta mañá as zonas peonalizadas do centro histórico nas que comezan os traballos de plantación de árbores e parterres, dentro do proxecto Lugo Corazón Verde, que ten como obxectivo transformar o espazo público nun lugar máis acolledor, funcional e sostible. Fíxoo acompañado de persoal técnico municipal, da dirección da obra e da empresa adxudicataria, así como de representantes das asociacións veciñais implicadas, coas que se analizou sobre o terreo cada intervención prevista.

O rexedor lucense puxo en valor que “a participación cidadá e a supervisión conxunta dos traballos permítennos garantir que cada actuación responda ás necesidades reais da veciñanzae que as decisións técnicas sexan compartidas e entendidas por todas as partes”. Fernández subliñou tamén que se están a empregar as especies máis desenvolvidas dispoñibles nos viveiros galegos, co fin de acadar un impacto verde máis inmediatoe contrarrestar a percepción de escaseza de vexetación que se produciu tras a renovación do pavimento.

Nesta nova fase do proxecto prevese a plantación de 39 árbores de diferentes especies ornamentais, entre elas freixos comúns (Fraxinus excelsior), ciruelos de folla púrpura (Prunus cerasifera 'Pissardi'), olivos de Bohemia (Eleagnus angustifolia) e un exemplar de ginkgo (Ginkgo biloba), de gran valor ornamental e simbólico, cuxa ubicación definitiva será consensuada coa veciñanza. Ademais, colocaranse 15 parterres con camelias japónicas e outras especies herbáceas ao longo das rúas Montevideo, Bolaño Rivadeneira e Quiroga Ballesteros, así como en puntos destacados como a esquina de Montevideo con Carril das Estantigas ou a rúa Amor Meilán. Todas as plantacións estarán dotadas dun sistema de rega automatizado. “Deste xeito é innegable que o noso centro histórico gañará un número considerable de exemplares que desenvolveran, según avance o seu crecemento, unha masa arbórea que cumprirá cun dobre obxectivo: gañar confort para a veciñanza con zonas de sombra e mellorar o ornato das nosas rúas”, concluíu Fernández.

Estas actuacións forman parte dun modelo urbano que busca reforzar a convivencia e o benestar nas zonas históricas da cidade, con intervencións que equilibran o respecto patrimonial coa incorporación de natureza, e que consolidan o compromiso do Goberno local cun Lugo máis sostible, coidado e participativo.

Multimedia

  • Comezan os traballos de plantación de especies vexetais nas zonas peonalizadas de Montevideo e Santo Domingo, no marco de Lugo Corazón Verde

Noticias relacionadas