Colectivos lucenses e máis de 120 locais comerciais súmanse á campaña Lugo en negro contra a violencia machista

As institucións e os establecementos adscritos a esta iniciativa comprométense a poñer as prendas, proporcionadas polo Concello, dende o día 18 ao 28 de novembro

Mércores, 16 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Colectivos lucenses e máis de 120 locais comerciais súmanse á campaña Lugo en negro contra a violencia machista

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, participou este mércores no reparto de carteis, mandís e camisetas da campaña conxunta En Negro Contra a Violencia, que está a levar a cabo a entidade local e que terá como colofón os actos que terán lugar o día 25 de novembro, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.

A edil explicou que “o Concello pretende que a cidadanía se conciencie de que nos atopamos ante un problema estrutural e global, xa que, por desgraza, segue aumentando a cifra de mulleres asasinadas a causa da violencia machista”, polo que convidou a todos os lucenses a unirse a esta iniciativa reivindicativa, a través da Casa da Muller, no enderezo electrónico cmuller@concellodelugo.org, ou no teléfono 982-29-74-12.

O colectivo de taxistas de Lugo, asociacións dos ámbitos da diversidade funcional, da emigración e inmigración; colectivos sociais, comercio, autónomas, empresarias, hostalería, Lugo Monumental e Secretariado Xitano, xunto á comunidade educativa xa amosaron o seu compromiso con esta campaña que tenta dar visibilidade a violencia machista, amosando unha enérxica repulsa ante este grave problema público.

As institucións e os establecementos que se sumaron á campaña Lugo en negro comprométense a poñer as prendas, proporcionadas polo Concello, dende o día 18 ao 28 de novembro para concienciar á cidadanía da tremenda lacra que supón a violencia machista. O loito que pretende esta iniciativa, escenificarse nestas datas tamén tenta amosar a necesidade que existe para acadar un pacto a nivel do Estado que destine recursos económicos, materiais e humanos en contra da violencia machista.

Ademais do Concello de Lugo, esta campaña realízase tamén nos concellos de Ames, Cangas, Carballo, Coruña, Ferrol, Poio, Pontevedra, Ribadeo, Sada, Santiago de Compostela, Sarria, Teo, Tui e Zas.

Noticias relacionadas