As actividades desenvolveranse nos centros de convivencia de Lamas de Prado, Maruja Mallo, Milagrosa e Paco Martín, ao longo de seis horas en cada unha das sete xornadas.
A área municipal da que depende este programa de conciliación porá a disposición da cativada un total de 336 horas baixo a coordinación de dous monitores por centro.
Olga López Racamonde destaca que “un ano máis respondemos á demandas das familias lucenses para poder compatibilizar horarios laborais co coidado das súas fillas e fillos”.

O Concello de Lugo, a través da área de Cohesión Social, porá en marcha o vindeiro día 22 as Aulas Abertas de Nadal, que desenvolverase ao longo de sete xornadas, ata o día 5 de xaneiro, nunha nova edición deste programa de conciliación, que de novo cubriu a práctica totalidade das prazas ofertadas, coa inscrición de 152 nenas e nenos das 160 prazas ofertadas. Esta edición desenvolverase nos centros de convivencia Maruja Mallo, Milagrosa, Paco Martín e Lamas de Prado, onde precisamente, se superaron as prazas dispoñibles, nas dúas quendas previstas. A edil responsable desta área, Olga López Racamonde, puxo en valor “o éxito deste recurso esencial para moitas familias lucenses, que precisan dun servizo que lles permita compatibilizar os horarios laborais co coidado dos seus fillos e fillas durante o período de Nadal”.
Os catro centros que acollerán este programa de conciliación familiar ofrecerán un total de 336 horas, distribuídas en dúas quendas para sete días, e en horarios de 08.30 a 14.30 horas. Neste sentido, a edil de Cohesión Social sinala “logramos dar unha cobertura de ocio ás vacacións escolares das crianzas para que poidan aproveitar este tempo de lecer. Por iso é un servizo tan apreciado polos lucenses, porque non só permite esa conciliación, senón que o fai cunhas boas condicións económicas para os solicitantes e cuns horarios amplos e moi accesibles para as familias lucenses”.
As actividades de animación sociocultural destas Aulas Abertas de Nadal están dirixidas a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 11 anos empadroados no municipio de Lugo. A primeira das quendas, para a que hai un maior número de solicitudes, levarase a cabo os días 22,23 e 26 de decembro, mentres que a segunda queda terá lugar os días 28 e 30 de decembro e 2 e 5 de xaneiro. Un dos aspectos sobre os que chama a atención a responsable de Cohesión Social é “o servizo que se ofrece con estas Aulas Abertas, entendidas como ferramenta de apoio, integración e equilibrio social”.
Para o seu correcto funcionamento, cada un dos centros contará con dous monitores dedicados a elas, algo que permitirá, explica López Racamonde “ter un espazo seguro para os nenos e nenas, creativo e enriquecedor, onde as crianzas comparten tempo libre, xogan e aprenden, combinando esa conciliación que precisan as familias coa educación en valores de convivencia”.
Olga López Racamonde lembra que a resolución definitiva das prazas se fixo tendo en conta, en primeiro lugar, os criterios de prioridade para garantir que as familias con maiores necesidades poidan acceder ao servizo, polo que tiveron preferencia as de menos ingresos, aquelas nas que ambos proxenitores traballan, ou aquelas con menores con algún tipo de discapacidade.
Por último, a edil de Cohesión Social sinalou que estas Aulas Abertas forman parte da aposta municipal por unha cidade que coida das persoas e que garante oportunidades de participación para a infancia. “Imos manter este tipo de programas en períodos de vacacións, como o Nadal, a Semana Santa e o verán, porque é unha vía para fortalecer a cohesión social e ofrecer alternativas reais ás familias”.
Audio
- A edil de Cohesión Social, Olga López Racamonde, sobre as inscricións ás Aulas Abertas de Nadal 2025 | Descargar mp3

