O mércores ás 18:00 terá lugar a actuación familiar “Cuacac” que incluirá clown, danza ou malabares; e o xoves ás 21:00 o paseo do Rato acollerá o concerto de Sin tron ni son.
A axenda de actividades, deseñada polo Goberno de Lara Méndez, pretende completar a oferta cultural e de ocio do verán, tamén como atractivo turístico.
Toda a información pode atoparse na web www.lugocapitaldacultura.com

Esta semana continúa a programación cultural e de ocio deseñada polo Goberno de Lara Méndez, no marco da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, para a tempada estival. Así, o parque Rosalía de Castro acollerá o mércores ás 18:00 horas a actuación familiar “Cuacac”, a cargo de N+1, que incluirá un espectáculo de clown, danza e malabares. Mentres que o xoves, no barrio da Chanca, terá lugar o concerto do grupo Sin tron ni son, a partir das 21:00 horas.
O executivo municipal promove este mes de agosto concertos en directo e espectáculos circenses todas as tardes dos mércores e xoves no marco da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico. Deste xeito, os mércores o circo será o protagonista en diversas prazas e zonas da capital; mentres que os xoves o barrio da Chanca acollerá música en vivo de diferentes artistas galegos e portugueses.
Todas as citas son totalmente gratuítas e abertas ao público. “Queremos ofrecer a lucenses e visitantes unha oferta lúdica e de lecer ampla e variada neste verán, ao tempo que achegamos toda a riqueza cultural de Galicia e Portugal”, lembrou Lara Méndez, quen apuntou que “este ano conmemoramos o 150 aniversario da construción do viaduto da Chanca e que mellor forma de facelo que concentrando neste barrio boa parte das actividades para convidar á cidadanía a visitalo, tendo como reclamo o atractivo destas actuacións”.
Toda a información sobre o calendario de actividades de agosto e o resto da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, como datas ou horarios, pode atoparse na páxina web www.lugocapitaldacultura.com
Programación de TítereCirco (18:00 horas)
- Día 9.- Cuacac (clown, danza, malabares e aéreos). Parque Rosalía de Castro.
- Día 16.- Coa música a outra parte (guiñol). Praza do Castiñeiro.
- Día 23.- Nougat (clown). Parque da Milagrosa.
- Día 30.- Marionetas musicais (marionetas). Zona fluvial.
- Aprazado (pendente de nova data).- Circo Galaico (marionetas). Praza Augas Férreas.
Programación de concertos na Chanca (21:00 horas)
- Día 10.- Sin tron ni son
- Día 17.- Big Band Theory
- Día 24.- Superglú
- Día 31.- Alda Várez & Richi Ponce