Cervantes volve a escena este xoves no Gustavo Freire coa obra Sanchica, Princesa de Barataria

Todos os interesados en asistir a esta representación protagonizada polas mulleres da novela El Quixote, poden adquirir a súa entrada en www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo e no mesmo auditorio

Xoves, 03 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A produtora madrileña Estival Producciones trae este xoves ao Auditorio Municipal Gustavo Freire a representación da obra Sanchica, Princesa de Barataria, dentro do programa da XVI Mostra de Teatro Clásico, organizada polo Concello. Trátase dunha representación teatral protagonizada polas mulleres da novela El Quixote, principalmente por Sanchica, a filla de Sancho Panza, que acompaña ao seu pai e a don Quixote nas súas viaxes. Baixo a dirección de Pedro Villora, e durante unha hora e vinte, as actrices Lidia Navarro e Ainhoa Amestoy recrearán as emocionantes historias de Sanchica, con Dorotea, Marcela, Dulcinea, Maritornes e as restantes mulleres que atopará na viaxe.

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, fixo fincapé na figura de Cervantes, que este ano centra a programación da XVI Mostra de Teatro Clásico, coincidindo co 400 aniversario do seu falecemento. A edil aproveitou para convidar a todos os lucenses a asistir a esta representación con matices cómices. As entradas aínda se poden adquirir na páxina web www.entradaslugo.es, na Oficina Municipal de Turismo e no propio auditorio unha hora antes do comezo da representación.

Paralelamente ás representacións teatrais, a XVI Mostra de Teatro Clásico ofrece a posibilidade de probar as tapas inspiradas nas obras que engloba o programa desta mostra, e que se poderán degustar entre o 11 de febreiro e o 12 de marzo por un prezo de 2 euros. Os establecementos participantes son Arrocería os Cachivaches, Canela Bakery Coffee, Mesón de Alberto, Restaurante Antas de Ullas, Restaurante Campos, La Encina, Mangiarte, Manuel Manuel e Paprica.

Audio

Noticias relacionadas