Os prezos dalgúns materiais disparáronse até o 50% nun ano debido á inflación, entre eles a madeira, debido tamén á elevada demanda que ten pola súa versatilidade como solución construtiva con menor pegada de carbono.
A actuación contempla a creación de 12.610 m² de zonas axardinadas cun alto valor ecolóxico e paisaxístico e de hortos urbanos con funcionalidade terapéutica e didáctica.

O Concello de Lugo volverá licitar a execución dos novos espazos verdes previstos na contorna da Garaballa – xerme do primeiro Barrio Multiecolóxico que se creará en España – ante o elevado incremento que experimentaron os custos de produción e logo de que a Xunta de Goberno local autorizase esta semana a resolución do anterior contrato.
O tenente de alcaldesa e portavoz muncipal, Miguel Fernández, explicaba hoxe que a inflación foi unha das principais causantes desta suba, que disparou o prezo dos materiais construtivos até un 50% no último ano.
“Un factor ao que cómpre engadir que a madeira que empregamos, que dispón de certificación forestal - é dicir, aquela que se produce baixo parámetros de sostibilidade ambiental – está a experimentar unha dinámica de crecemento debido tamén á altísima demanda que existe ante a súa versatilidade e rango de aplicacións”, destacou o concelleiro de Medio Ambiente, ao tempo que sinalou como exemplo que, “mentres que o pino se pagaba en 2017 a 30 - 34€/m³ , en 2022 chega aos 42 -51€/m³ e, se se trata de madeira en rollo, esta xa sube até os 60€/m³”.
Unha suba que Fernández equiparou, en magnitudes similares, a outros materiais como o aceiro ou o formigón que, por outra parte, deixan unha maior pegada de carbono.
O edil lembrou que a Xunta de Goberno outorgara a obra á UTE formada polas empresas Citanias Obras y Servicios e Mantemento Forestal.
“Dispoñían dun prazo de cinco meses para executar os traballos: a creación de 1’2 hectáreas de terreo destinadas a zonas verdes, dun elevado valor paisaxístico que foron deseñadas con criterios de harmonía e beleza e dentro das que se incluían diferentes áreas axardinadas que potencien a biodiversiade e estimulen os sentidos pero, tamén, áreas estanciais onde sexa agradable socializar e incluso pasar longas xornadas e áreas de cultivo que permitan a conexión coa natureza e fomentar o respecto e o coidado polo medio ambiente”, afirmou Fernández
Precisamente, para dar servizo a todos estes usos, definiuse a creación de varios edificios de madeira destinados ao almacenamento de apeiros e con aseos, que complementasen e fixeran máis cómoda a realización das tarefas hortícolas.
“O encarecemento do prezo destas construcións obrigou á Administración local a retrotraer o procedemento para adaptar o presuposto á realidade actual”, engadiu o edil.
Miguel Fernández recordou que o obxectivo que o Executivo de Lara Méndez persegue con esta iniciativa é o de “crear un espazo cun valor engadido, que sexa esteticamente pracenteiro e apto para o uso de diversos perfís, conciliando así a convivencia veciñal e a produción de alimentos a través de hortos axardinados para a agricultura en chan e altura, en cultivos verticais, etc que deixarán unha pegada positiva a nivel ecolóxico e unha mellora na estrutura urbanística da capital mentres desenvolven un papel de concienciación das futuras xeracións neste tipo de prácticas”, sinalou o tenente de alcaldesa.
O proxecto que foi deseñado en colaboración coa Universidade Politécnica de Madrid, está cofinanciado pola Unión Europea e liderado polo Concello de Lugo, coa colaboración da Deputación Provincial e o labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela.
Audio
- O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre o encarecemento de custos e os hortos urbanos | Descargar mp3