Bota a andar Cultura e Tradición no Camiño II, o recuncho máis tradicional do San Froilán

Luns, 08 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Bota a andar Cultura e Tradición no Camiño II, o recuncho máis tradicional do San Froilán

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, visitaron este luns a carpa de Cultura e Tradición no Camiño, que por segundo ano, acolle o Cantiño de Nemesio Cobreros, ao lado do Vello Cárcere.

Ao longo desta semana, neste espazo haberá distintos obradoiros, demostracións artesanais, exposición de traxes e actuacións musicais,  unha programación organizada por Traxandaina, coa colaboración do Concello; que este ano se estende en días.

Hoxe luns, foi o día do liño, a cargo da Asociación de Mulleres de Insua (Vilabla), recreando os traballos realizados nas antigas tascas do liño. Mañá martes será o día da lá. O mércores celebraranse obradoiros de tecidos e tapiz, cestería e palillos e técnicas de zoqueiros, e o xoves, de estrutura de tapiz e do oficio de zoqueiro. Para pechar a semana, o venres, Día da Música Tradicional, haberá tallres de gaitas e percursión.

O horario deste recuncho, o máis tradicional do San Froilán; co que o Concello aposta por recuperar, con actividades demostrativas, as nosas raíces, é de 12:00 a 20:00 horas.

Noticias relacionadas