O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, informou hoxe de que o dispositivo municipal leva a cabo nesta xornada o acondicionamento de Mazoi, Santiago de Saa, Nadela e o Veral.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, deu conta hoxe do avance que seguen os traballos de roza nas diferentes parroquias do municipio.
“Neste momento os labores, que progresan a moi bo ritmo, xa concluíron en Bocamaos, Meilán, Tirimol, Pías, Piúgos, Cuíña, Coeses, Soñar, Fixós, Bosende, Conturiz, Santa Comba, Adai, Orbazai e Prógalo, onde o dispositivo se encargou da retirada, mecánica e manual, da maleza polas dúas marxes da vía”, indicou o edil.
Fernández explicou tamén que as tarefas alcanzan paseos, gabias e noiros contiguos, tanto en terraplén como en desmonte, e incluso as pólas das árbores ata obter un gálibo libre que permita circular con seguridade polas estradas ou camiños e lembrou que a altura máxima de calquera tipo de vexetación, despois da sega, non pode superar nunca os sete centímetros.
O tenente de alcaldesa avanzou tamén que, a previsión para a xornada de hoxe, é que o operativo organizado pola área de Medio Rural permaneza durante a mañá en Santiago de Saa e Mazoi e, pola tarde, acuda a Nadela e ao Veral.
“Continuarase logo polas parroquias limítrofes ata abarcalas todas para o que se dividiu a superficie en catro lotes a efectos de axilizar os labores e rematar o máis rapidamente posible, mellorando a visibilidade das estradas, contribuíndo á seguridade viaria, e facilitando a comodidade das e dos residentes nos seus desprazamentos”, apuntou o edil.
Miguel Fernández lembrou que todas estas actuacións se completan coas de roza de camiños e pistas forestais durante todo o ano con maquinaria do Parque Móbil municipal co obxectivo de previr incendios.
Audio
- O concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, sobre o calendario de roza no rural | Descargar mp3