Arrincan as obras de urbanización da esquina de San Roque logo do impulso dado por Lara Méndez ao procedemento

Os labores, que comezaron esta mañá, están cuantificados en 123.757 euros e terán un prazo de execución de 6 meses.

Lara Méndez: “dende hoxe poderá visualizarse que, logo dun intenso traballo, recuperamos un espazo para a cidadanía saldando ademais unha débeda histórica que resolverá as conexión viarias nunha contorna de alto valor patrimonial”.

A iniciativa da rexedora para poder modificar o PEPRI en 2019 permitiu materializar a intervención coa que se pretende conciliar a conservación do patrimonio local coa necesaria dinamización económica do municipio.

Luns, 13 de decembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arrincan as obras de urbanización da esquina de San Roque logo do impulso dado por Lara Méndez ao procedemento

A rexedora de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola tenente de alcaldesa e concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, supervisou esta mañá o inicio das obras de urbanización da Esquina de San Roque.

Un proxecto co que Lara Méndez pretende non só poñer en valor un enclave no que conflúen dous Bens Mundiais, como son o Camiño Primitivo e a Muralla, senón tamén dignificar unha das principais entradas ao recinto histórico da cidade e que, logo de ser autorizado inicialmente o pasado mes maio, recibía en outubro o visto bo definitivo da Xunta de Goberno, co informe favorable da Dirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, dando por concluído o procedemento burocrático.

Entre os detalles técnicos da actuación, a alcaldesa lembrou hoxe que os traballos “contemplan tarefas de demolición e reposición de pavimentos na calzada, apertura de gabias para redes de servizos, derruba de muros e de dúas edificacións en San Roque (números 5 e 7), así como a construción da infraestrutura para a nova beirarrúa. Obras que afectan ao subsolo nunha zona de ámbito PEPRI polo cal será a obrigatoria a realización das escavacións arqueolóxicas o que esixe, á súa vez, un proxecto de control permanente sobre as mesmas”, sinalou Méndez.

Os labores, que comezaron hoxe, están cuantificados en 123.757 euros e terán un prazo de execución de 6 meses.

Completaranse, alén, coas medidas necesarias para o establecemento da prioridade peonil do devandito Carril das Flores, incorporando elementos de sinalización e regulación viaria e, en canto ao deseño do firme, procurarase a continuidade do trazado do Camiño sobre a rúa de San Roque e a Rolda da Muralla, sen perder de vista a futura perspectiva dunha recuperación total dos usos peonís en todo o ámbito, dentro dos futuros plans de mobilidade e circulación que poida deseñar o Concello.

“Trátase dunha intervención tremendamente importante, en tanto poderemos avanzar, por fin, no acondicionamento dunha contorna moi especial ao tempo que se resolven, dunha forma axeitada, respectuosa e permanente as comunicacións de tráfico peonil e rodado en toda a zona”, sinalou a alcaldesa en alusión a antigüidade da pasarela metálica que “Notario Vacas instalou como provisional hai máis de 30 anos”.

Así, a actuación prevista implicará a erradicación daqueles espazos que, pola súa configuración actual, resultan insalubres ou entrañan situacións de risco para a veciñanza como pode ser a pasarela de acceso aos establecementos comerciais. Isto reverterá, igualmente, noutros aspectos da seguridade cidadá, de forma especial en horario nocturno, porque a reforma pretende minimizar as consecuencias para a poboación por cuestións de xénero, imbricándoa así no espírito da cidade amable e integradora que persegue o Goberno de Lara Méndez.

“As solucións aportadas permitirán que o fluxo peonil da Rolda da Muralla teña a súa continuación cunha beirarrúa de 4 metros de ancho, que actualmente non existe, que conectará co espazo que dá acceso ao edificio lindeiro cara a rúa Montero Ríos. Farase grazas á cesión de terreos por parte da iniciativa privada para mellorar o tránsito peonil”, abondou a rexedora ao tempo que indicou que o tráfico rodado verase tamén mellorado co ensanche da rúa San Roque, ampliándose o ancho dos dous carrís de enlace coa Rolda da Muralla e incorporando un novo viario para o acceso ao Carril das Flores, onde coexistirán o tráfico peonil e o rodado restrinxido, cun tratamento de firme diferente ao ser Camiño Primitivo. Neste caso, usarase granito con formigón desactivado, que é o que está a preferir Patrimonio”, explicou a rexedora.

Este tratamento diferenciado prolongarase ata o paso de peóns do inicio de San Roque, para que o acceso rodado sexa máis gradual. Así mesmo, o Carril das Flores terá un ancho aproximado de 6 metros na súa zona máis ampla, e de máis de 4 metros na zona de acceso desde a Rolda da Muralla.

Os muros que se xerarán pola diferencia de cota que vai producir entre Carril das Flores e a Rolda da Muralla revestirase de sillería de pedra ou cunha solución semellante para integralo na súa contorna. O muro do lindeiro do Carril das Flores máis próximo á futura edificación resolverase cunha baranda.

Lara Méndez sinalou, alén, que a nova urbanización permitirá desenvolver posteriormente neste enclave unha superficie de 607 metros libres para edificacións e espazos para a cidadanía.

A actuación é posible porque no anterior mandato (xaneiro de 2019), o Executivo de Lara Méndez conseguiu impulsar a aprobación en Pleno da modificación do Plan Especial de Protección, Rehabilitación e Reforma Interior, “que precisou á súa vez do permiso do ICOMOS, para poder levala a cabo. Unha cuestión imprescindible para desbloquear a situación na que se atopaba esta unidade dende hai xa catro décadas”, concluíu a alcaldesa.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o inicio da Urbanización de San Roque | Descargar mp3

Multimedia

  • Arrincan as obras de urbanización da esquina de San Roque logo do impulso dado por Lara Méndez ao procedemento
  • Arrincan as obras de urbanización da esquina de San Roque logo do impulso dado por Lara Méndez ao procedemento
  • Arrincan as obras de urbanización da esquina de San Roque logo do impulso dado por Lara Méndez ao procedemento
  • Arrincan as obras de urbanización da esquina de San Roque logo do impulso dado por Lara Méndez ao procedemento
  • Arrincan as obras de urbanización da esquina de San Roque logo do impulso dado por Lara Méndez ao procedemento

Noticias relacionadas