A Área de Xuventude impulsa o ocio saudable nos barrios de Lugo cunha nova iniciativa deportiva e lúdica a través do programa +XTi

O programa inclúe diversas actividades como baloncesto, xogos de habilidade, xincanas deportivas, competicións, circuítos, música, agasallos para os participantes e animación.

Desenvolverase nas prazas da Milagrosa (29 de marzo, 5 e 12 de abril); O Castiñeiro (26 de abril e 3 de maio); e Anxo Fernández Gómez (10, 17 e 24 de maio).

Jorge Bustos: “Animamos a todos os rapaces e rapazas a participar e a aproveitar esta oportunidade para desfrutar do deporte e da convivencia en espazos seguros".

Martes, 18 de marzo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Área de Xuventude impulsa o ocio saudable nos barrios de Lugo cunha nova iniciativa deportiva e lúdica a través do programa +XTi

O Concello de Lugo, a través da Concellería de Xuventude, pon en marcha unha nova iniciativa dentro do programa +XTi, co obxectivo de promover un lecer activo e saudable para a mocidade lucense. Durante os meses de marzo, abril e maio, diferentes prazas da cidade acollerán un programa lúdico-deportivo destinado á xuventude de entre 10 e 16 anos, co obxectivo de fomentar a práctica deportiva e inculcar hábitos de vida saudables.

Así o informou o edil de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, quen subliñou que "seguimos apostando por propostas que fomenten hábitos saudables entre a nosa mocidade, por iso animamos a todos os rapaces e rapazas a participar e a aproveitar esta oportunidade para desfrutar do deporte e da convivencia en espazos seguros".

A actividade desenvolverase en tres barrios da cidade ao longo de tres meses, os sábados pola mañá, en horario de 11:00 a 14:00 horas. As localizacións e datas son as seguintes: praza da Milagrosa (29 de marzo, 5 e 12 de abril); praza do Castiñeiro (26 de abril e 3 de maio); e praza Anxo Fernández Gómez (10, 17 e 24 de maio).

O programa inclúe diversas actividades como baloncesto, xogos de habilidade, xincanas deportivas, competicións, circuítos, música, agasallos para os participantes e animación. Ademais, as persoas asistentes terán a oportunidade de compartir momentos con xogadores do Club Baloncesto Breogán, referentes no deporte local.

A actividade estará dirixida por persoal especializado e monitores titulados, garantindo así un espazo seguro e dinámico onde a mocidade poida gozar do seu tempo de lecer de maneira saudable. A participación é totalmente gratuíta, e a inscrición realizarase cada día no propio espazo de celebración, seguindo unha orde de chegada ata completar as 40 prazas dispoñibles por xornada.

Na edición anterior, esta iniciativa contou coa participación de máis de 400 rapaces e rapazas, consolidándose como unha proposta de éxito e con gran demanda. A actividade enmárcase no proxecto +XTÍ 2025, organizado polo Servizo de Prevención de Drogodependencias do Concello de Lugo e financiado polo Concello de Lugo e o Plan Nacional sobre Drogas.

Para máis información, as persoas interesadas poden consultar a web lugomasxti.org ou contactar a través do teléfono 982 297 498.

Noticias relacionadas