A área de Deportes apoia ao talento deportivo local cunha nova edición de axudas económicas individuais

O Executivo de Lara Méndez habilitará unha partida de 26.000 € nunha nova convocatoria de bolsas municipais coas que se pretende recoñecer o esforzo e a capacidade de superación da mocidade lucense.

Poderán concorrer a estas achegas as persoas federadas que naceran entre 2003 e 2008 e que acrediten logros deportivos na pasada tempada.

Martes, 12 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Deportes apoia ao talento deportivo local cunha nova edición de axudas económicas individuais

A área de Deportes trasladará mañá á Xunta de Goberno Local a convocatoria dunha nova edición das Bolsas Municipais ao Talento Deportivo.

Unha iniciativa coa que o Executivo de Lara Méndez pretende recoñecer o mérito das e dos deportistas máis novos pero tamén enxalzar a capacidade de superación que transmiten ao conxunto da sociedade co seu esforzo.

Así, na sesión desta semana autorizarase a consignación dunha partida de 26.000 euros para sufragar estas achegas dirixidas a fomentar a práctica da actividade física.

O edil de Deportes, Mauricio Repetto avanzou algúns dos requirimentos da convocatoria deste ano.

“Poderán concorrer a estas subvencións todas as rapazas e rapaces que naceran entre os anos 2003 e 2008 – e sen límite de idade para o/as deportistas con discapacidade – que, estando federados o ano pasado, destacaran pola súa participación en eventos deportivos con resultados relevantes, tanto a nivel autonómico como nacional”.

Repetto Morban explicou que, tal e como se recolle nas bases, se terán en conta para o seu outorgamento a puntuación acadada en campionatos de España (do 1º ao 8º posto) e de Galicia (do 1º ao 3º posto) así como, entre outras variables, ter superado o curso académico.

O prazo para presentar as solicitudes será de 15 días hábiles, contados dende o seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia e poderán entregalas, xunto co resto da documentación que se require, no Rexistro Xeral do Concello de Lugo ou ben empregando os medios que establece a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

“O noso obxectivo é impulsar a práctica e mellorar o rendemento deportivo da mocidade lucense nas súas respectivas modalidades competitivas, para o que resulta fundamental que poidan contar cunha cobertura económica axeitada que, entre outros gastos, atenda aos derivados do necesario reforzo educativo que precisan”, explicou o responsable de Deportes.

O Concello de Lugo entrega as axudas ao Talento Deportivo Individual desde o ano 2008 co fin de apoiar a promoción, práctica e mellora do seu rendemento, para o que se valora tamén o seu esforzo académico. Desde a súa creación, foron receptores e receptoras das mesmas preto de 650 deportistas.

Audio

  • O edil de Deportes, Mauricio Repetto, sobre as Bolsas ó Talento Deportivo | Descargar mp3

Noticias relacionadas