A área de Cultura retoma a programación de animación á lectura e contacontos

Maite Ferreiro: “as novas actividades desenvolveranse no MIHL para garantir o cumprimento dos protocolos sanitarios”

Desenvolveranse un total de cinco actividades entre o 14 de abril e o 20 de maio

Domingo, 04 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cultura retoma a programación de animación á lectura e contacontos

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades que conforman a nova edición da programación de animación á lectura e contacontos. “Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero”, explicou Maite Ferreiro.

“Do mesmo xeito que na última edición, realizaremos as actividades nas instalacións do MIHL, onde se poderá manter a distancia de segridade interpersoal”, explicou a edil de Cultura, que engadiu “para asistir será preciso retirar entrada, de maneira gratuíta, no portal entradaslugo.es”. As persoas adultas que acompañen ás nenas e nenos terán que retirar entrada, mais para dar preferencia ao público infantil, só se permitirá unha acompañante por unidade familiar, cun límite de tres entradas por persoa.

O ciclo conta cun total de cinco actividades, que comezarán o mércores 14 de abril e continuarán ata o mércores 20 de maio. Cada unha delas está dirixida a unha franxa de idade.

Actividades

Mércores, 14 de abril ás 18:30

  • TRINKETRINKE, “Os ratiños da caixa”
  • A partir de 4 anos, 50 minutos de duración
  • O rato Fuco vén dende Lonxedetodo, o lugar osnde viven os ratos e ratiñas de biblioteca, para contarnos dous dos seus contos favoritos: “contos de ratiños” e “sopa de ratos”, dúas historias do escritor Arnold Lobel

Venres, 23 de abril ás 18:30

  • RAQUEL QUEIZÁS, “Cinema marabillas, ver para ler”
  • A partir de 5 anos, 50 minutos de duración
  • A literatura é unha gran fonte de inspiración para o cine. No Día do Libro, Raquel Queizás achéganos as primeiras adaptacións cinematográficas inspiradas nos contos e libros clásicos da literatura

Mércores, 5 de maio ás 18:30

  • MAGÍIN BLANCO, “O que levamos nas maletas”
  • A partir de 4 anos, 45 minutos de duración
  • Contacontos musicado no que Magín Blanco interpretará algúns dos seus temas para público infantil, co que axudará aos nenos e nenas a estimular a súa creatividade e curiosidade polas letras, as palabras, a lingua e os contos

Xoves, 13 de maio ás 18:30

  • POLO CORREO DO VENTO, “Xela Arias. Liberdade, solidariedade e amor pola lingua”
  • A partir de 4 anos, 50 minutos de duración
  • Achegámonos á obra de Xela Arias a través dun contacontos e obradoiro de ilustración a cargo de Enrique Mauricio e Carlos Taboada, editores do libro sobre a autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, pertencente á colección Mulleres Galegas, de Lela Edicións

Mércores, 20 de maio ás 18:30

  • TARABELOS, “Sabela e o paxaro máxico”
  • A partir de 4 anos, 50 minutos de duración
  • Adaptación dun conto popular galego no que se narran as penurias da pobre Sabela, que habita nun precioso castelo de terras gallegas. Espectáculo de monmicreques para que as nenas e nenos aprendan a romper cos estereotipos

Máis info

Noticias relacionadas