A área de Cultura achega a Lugo unha nova edición do Encontro de Fanzines e Autoedición VAIA VAIA

Maite Ferreiro: “VAIA VAIA é unha mostra cultural que propón explorar o traballo artístico de particulares e asociacións de xeito participativo e aberto”.

VAIA VAIA desenvolverase a fin de semana do 23 e 24 de setembro na praza de Abastos.

Ferreiro anunciou ao grupo vasco Dupla e ao cantante catalán Triquell para o San Froilán 2023, “achegando a Lugo a grupos referentes da música nas distintas linguas do estado”.

Xoves, 07 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Cultura achega a Lugo unha nova edición do Encontro de Fanzines e Autoedición VAIA VAIA

A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, presentou a terceira edición Encontro de Fanzines e Autoedición VAIA VAIA, unha proposta cultural que terá lugar a fin de semana do 23 e 24 de setembro. “VAIA VAIA é unha mostra cultural que propón explorar e descubrir o traballo artístico de particulares e asociacións de xieto participativo, colorista, amable e culturalmente aberto e activo”, afirmou a concelleira de Cultura.

”Durante dous días Lugo acollerá unha feira do fanzine e da autoedición, unha reunión pública e aberta a todas as persoas interesadas nas publicacións independentes e autoxestionadas”, explicou Ferreiro, que engadiu “con esta iniciativa queremos abrazar o amateur e abrir as portas ás creadoras de Lugo que aínda non se deron a coñecer ou que nunca se atreveron a participar nun evento destas características”.

O punto de encontro principal de VAIA VAIA será o mercadiño de fanzines que se ubicará na praza de Abastos. Ao mesmo tempo, organizaranse distintas actividades para abarcar contidos que supoñan mergullarse na linguaxe da ilustración, a creación literaria, o grafismo e as artes visuais. Tamén se contará con distintas actuacións musicais para completar a programación do evento.

Grupos San Froilán

A concelleira de Cultura anunciou dous novos grupos para o San Froilán 2023. Ferreiro explicou que “todas as linguas do estado e da península terán espazo nas festas de Lugo, hoxe anunciamos ao conxunto vasco Dupla e o cantante catalán Cesc Fuentes Triquell, dous referentes da música en vasco e catalán que completan o cartel do San Froilán 2023”.

  • Triquell, 04 de outubro ás 23:00 na praza de Santa María

Francesc Fuentes i Triquell (Barcelona, 12 de febreiro de 2000), tamén coñecido como Cesc Fuentes e polo nome artístico Triquell, é un cantante catalán. Con formación en ADE e Pedagoxía, profesor de inglés, deixou o seu traballo como profesor para adicarse á produción e composición musical. Desde 2019 ten un estudo cos seus amigos Pau Ruiz e Xavi Rueda, cos que montou un grupo musical chamado Alter Soma.

Xa cunha certa formación musical, en 2022 participou no concurso de talentos musicais Eufòria. Neste certame televisivo retransmitido por TV3 conseguiu clasificarse como segundo finalista, xunto á olotina Núria López, terceira finalista, e Mariona Escoda, a gañadora do certame. En xullo de 2022, participou, xunto co resto dos concursantes de Eufòria, en dous concertos no Palau Sant Jordi de Barcelona.

O 21 de outubro de 2022, lanzou os seus dous primeiros sinxelos como solista: "Jugular", estilo party, e "Road trip", que atravesa as fases iniciais dunha relación interpersoal. En maio de 2023, presentou o seu primeiro álbum en Guitar BCN, co selo discográfico Oques Grasses, Halley Records, na Sala Apolo.

O carismático cantante de Sant Quirze del Vallès é un amante da música e da produción, Triquell destacou desde o primeiro momento como un intérprete versátil e apaixonado e que sae do normativo.

  • Dupla, 05 de outubro ás 23:00 na praza de Santa María

Dupla é un grupo de música urbana de Agurain formado no 2018 por Beñat Oribe e Gari Uriarte (ex membros de Oppium). Son dúas mentes conectadas e inseparables, como si fosen una soa persoa, e a súa música é diferente, diversa. As súas melodías afúndense con Pop, Electrónica, Rap e Folklore vasco.

O 2022 foi un ano frenético para eles, con máis de 50 concertos en 9 meses. Concertos multitudinarios que puxeron a bailar practicamente a toda Euskal Herria. Logo das excelentes críticas do seu primeiro álbum “Nahieran” e a solvencia demostrada nos seus directos, Dupla gañou a pulso un oco como unha das revelacións do panorama artístico euskaldun.

Dupla é unha banda de música urbana creada nun entorno rural. Cun contido explícito nas súas letras, mesturan o pop coa música electrónica e a estética hip-hop. A súa posta en escena caracterízase polo seu “punch” electrónico acompañado por voz e batería nun espectáculo visual que se achega ao teatro.

Audio

  • A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, sobre o certame de fanzines | Descargar mp3

Multimedia

  • A área de Cultura achega a Lugo unha nova edición do Encontro de Fanzines e Autoedición VAIA VAIA

Noticias relacionadas