A Alcaldesa subliña o compromiso do Concello coa creación de emprego a través da posta en valor do patrimonio lucense

Este foi o obxectivo do obradoiro Cultur@Lvcvs, a cuxos participantes entregaron hoxe os diplomas Lara Méndez e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral

O Concello ten solicitado dous novos obradoiros á Xunta para facer accesible por medio das novas tecnoloxías toda a información e documentación escrita, gráfica e audiovisual recompilada nos talleres desenvolvidos ata o momento

Venres, 06 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa subliña o compromiso do Concello coa creación de emprego a través da posta en valor do patrimonio lucense

A Alcaldesa, Lara Méndez, e o director xeral de Orientación e Promoción Laboral, José Alfonso Marnotes, entregaron este venres no Salón de Plenos do consistorio os diplomas acreditativos de participación aos asistentes ao obradoiro de emprego Cultur@Lvcs, un acto no que a rexedora subliñou o compromiso do Concello coa creación de emprego a través da posta en valor do patrimonio lucense, dos recursos naturais, culturais e turísticos, ámbitos nos que precisamente estivo centrada esta acción formativa.

“Buscamos temáticas para a formación que logo teñan inserción laboral”, subliñou a Alcaldesa, quen manifestou a aposta do Concello co impulso de iniciativas coma esta “para mellorar a empregabilidade e crear emprego, a pesar de non ter as competencias”. Méndez destacou que o Goberno traballa neste eido “de maneira transversal”, como demostra a implicación no obradoiro Cultur@Lvcvs da área de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico e a de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua.

A Alcaldesa, que estivo acompañada pola edil de Economía, Ana Prieto, lembrou así mesmo que o Concello volveu a solicitar á Xunta dous novos obradoiros para continuar con esta liña de traballo, e, unha vez recompilada e dixitalizada unha gran cantidade de información e documentación escrita, gráfica e audiovisual nos talleres desenvolvidos ata o momento, facela accesible a toda a cidadanía utilizando para iso as posibilidades e efecto multiplicador que ofrecen as novas tecnoloxías.

Pola súa banda, o director xeral de Orientación e Promoción Laboral felicitou ao Concello polas temáticas elixidas para o obradoiro, pois trátase “dunha formación máis demandada que outras máis asociadas a obras públicas”, que hoxe teñen unha menor capacidade de inserción. Destacou así mesmo que o obradoiro ofreceu aos participantes “traballo remunerado durante seis meses, unha formación útil a nivel persoal coa que obtiveron o certificado de profesionalidade e coa que están en mellores condicións de entrar no mercado laboral, e tamén unha formación útil á sociedade e ás institucións, co material que elaboraron.

Neste senso, tanto a Alcaldesa, como o director xeral puxeron en valor os recursos que desenvolveron os 22 participantes no Cultur@Lvcvs, e que xa foron presentados polo Concello. Trátase dun inventario de recursos turísticos que recompila 106 bens do municipio, unha guía sobre o Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo e unha aplicación web con 5 rutas gastronómicas pola cidade.

Durante a entrega de diplomas, os participantes mostráronse moi satisfeitos coa formación recibida e cos traballos desenvolvidos.

Cultur@Lvcvs formou e deu traballo durante seis meses a 22 desempregados lucenses en xestión cultural, educación ambiental e promoción turística. Foi financiado pola Xunta con 204.000 euros.

Noticias relacionadas