Lara Méndez destaca que esta homenaxe “é case unha obriga xa que a aportación da docencia é clave no desenvolvemento integral das persoas e no progreso social”.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou que Lugo brindará unha homenaxe ao profesorado e ao seu labor docente, “recoñecemento que se plasmará nun espazo público da cidade dedicado a este colectivo e ao ensino, para que nunca se nos esqueza como sociedade a importante aportación da docencia ao desenvolvemento integral das persoas e ao progreso social”.
A rexedora adquiriu este compromiso co sindicato de docentes do ensino público ANPE Lugo, con cuxa presidenta Mercedes Martínez mantivo unha reunión e que lle trasladou esta petición.
Con este recoñecemento queremos pór en valor o traballo desenvolvido polos profesores nunha tarefa tan fundamental como a educación, “forman, ensinan e transmiten coñecementos e valores desde a infancia ”, destacou Lara Méndez, quen reivindicou o labor diario de centos de docentes, que son a pedra angular do noso sistema educativo”, e fixo especial incidencia “na sobrecarga de traballo nestes dous últimos anos nos que tiveron que realizar un inxente esforzo pola pandemia en escenarios cheos de incerteza e de incomodidades para exercer o seu traballo e motivar ao alumnado”.