Afectuosa despedida da alcaldesa ao xefe de Urbanismo, que xubilouse hoxe tras 40 anos neste departamento municipal

José María González Rodríguez destaca como fitos urbanísticos as dúas figuras do planeamento, o PEPRI e o PXOM en todas súas fases, a peonalización do centro histórico e as intervencións no Parque do Miño e no Paseo do Rato.

Paula Alvarellos lembrou o gran traballo que levou a cabo e en especial o que compartiron nos últimos anos coa aprobación do 5% do PXOM, e desexoulle moita sorte nesta nova etapa a “unha persoa que é toda unha institución dentro do propio Concello de Lugo”.

Martes, 13 de agosto de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Afectuosa despedida da alcaldesa ao xefe de Urbanismo, que xubilouse hoxe tras 40 anos neste departamento municipal

A alcaldesa de Lugo despediu profesionalmente esta mañá ao xefe do Servizo de Urbanismo, José María González Rodríguez, Chema, no seu derradeiro día de traballo, xa que acada a súa merecida xubilación despois de 40 anos como funcionario, todos eles no departamento de Urbanismo da administración local. Por este motivo, Paula Alvarellos, sinalou que “ademais dun gran traballador, dentro do Concello de Lugo é toda unha institución”, e lembrou moi positivamente os últimos anos que compartiron e que, de xeito especial, posibilitou entre outros logros a aprobación do 5% do PXOM.

De feito, o propio José María González sinalou que se ten que destacar algún fito na historia urbanística de Lugo ao longo destas catro décadas quédase coas “dúas figuras do planeamento: o PEPRI e o PXOM, tanto o do ano 90, como o actual e a aprobación do 5%. Ambos fixeron posible o crecemento exponencial da cidade cara a zona sur, arredor do Campus, e na norte, na contorna de Duquesa de Lugo”.

Ademais, destacou como un dos cambios urbanísticos máis importantes “a peonalización do centro histórico, e fóra de murallas, as intervencións que fixeron posible o Parque do Miño e o Paseo do Rato”.

Baixo o seu punto de vista e como funcionario do mesmo departamento durante tantos anos, cre que “o gran reto urbanístico que a cidade ten por diante é rematar a conservación dos edificios do centro histórico, e fóra do recinto amurallado, a rehabilitación do barrio da Milagrosa e do barrio Feijoo, que se abordará proximamente”.

Pola súa banda, Paula Alvarellos sinalou que “foi un pracer compartir os últimos anos de traballo con el, aprendendo e colaborando en proxectos que marcarán o futuro urbanístico da nosa cidade” e desexoulle “todo o mellor nesta nova etapa, sabendo que o teu legado deixa unha fonda pegada no municipio”.

A alcaldesa concluíu dándolle as grazas pola súa inestimable contribución para facer de Lugo unha cidade mellor.

Noticias relacionadas