31 artistas de toda España inmortalizaron a cidade no 17º Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre

Pablo García Ávila, de Córdoba, gañou o 1º premio cun lenzo sobre a Catedral; José María Sánchez Gutiérrez, tamén cordobés, o 2º cun cadro da Praza de Santo Domingo; e Julio Gómez Mena, de Leioa, o 3º cunha pintura das vías do tren

A Concelleira de Cultura subliñou que o certame contribúe a proxectar Lugo no exterior, tanto entre os propios participantes, como a través dos cadros, que recollen os recunchos máis fermosos da cidade

Domingo, 09 de xullo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
31 artistas de toda España inmortalizaron a cidade no 17º Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre

Aínda máis arte a cada paso. A riqueza patrimonial que xa posúe Lugo sumou un ano máis atractivos co Certame de Pintura Rápida ao Aire Libre Cidade de Lugo, celebrado este domingo baixo a organización da Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, dirixida por Carmen Basadre. Na súa 17ª edición mantivo poder de convocatoria, de participantes e público. 31 artistas chegados de toda Galicia e do resto de España –Lugo, Noia, Ourense, Cambados, Alfoz, Betanzos, Ferrol, Pontevedra, Valdoviño, Barro, Brión, Vigo, Taragoña, Ponferrada, Bembibre, Leioa, Córdoba, Xixón, Avilés e Granada- inmortalizaron distintos lugares da cidade en cadros con variados estilos e técnicas pictóricas.

O xurado, composto por Alejandro Carro, representante da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, Alba Platas, deseñadora gráfica, e José Blázquez, artista multidisciplinar, tívoo difícil dada a calidade das obras presentadas. A deliberación deu como gañadores ao cordobés Pablo García Ávila, co 1º premio (1.500€ e diploma), cun lenzo da Catedral; José María Sánchez Gutiérrez, tamén cordobés, co 2º premio (1.000€ e diploma), cun cadro da Praza de Santo Domingo; e Julio Gómez Mena, de Leioa (Vizcaia), co 3º (800€ e diploma), cunha pintura das vías do tren.

Os 6 accésit (300€ e diploma) foron para os seguintes participantes: Raúl Gil Burés (Taragoña), Camilo Huéscar Ramón (Córdoba), Eduardo Pérez Baamonde (Cambados), Martina Bugallo González (Brión), Javier Sande Iglesias (Noia) e Manuel Carballeira Rivas (Valdoviño).

En canto ao premio para o artista local, de 450€ e diploma, o xurado decidiu outorgarllo a Manuel Carreira Varela.

A Concelleira de Cultura, encargada de anunciar os dez premiados na Praza Maior, diante da casa consistorial, subliñou que o Certame de Pintura Rápida contribúe a proxectar a riqueza patrimonial e cultural de Lugo, tanto entre os propios participantes, que chegan de toda España, como a través dos propios cadros, que recollen os recunchos máis fermosos da cidade.

Noticias relacionadas