Xuventude impulsa un novo ciclo sobre adiccións sen substancias dirixido a familias, educadores e mocidade

Martes, 19 de maio de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Xuventude impulsa un novo ciclo sobre adiccións sen substancias dirixido a familias, educadores e mocidade

A área de Xuventude do Concello de Lugo organiza o VII Ciclo de Adiccións sen Substancias, unha iniciativa orientada á prevención, sensibilización e formación arredor das condutas aditivas vinculadas ás redes sociais, videoxogos e xogos de azar.

O ciclo desenvolverase durante catro xornadas na Casa do Saber da USC, ás 18.00 horas, e contará coa participación de profesionais especializados no ámbito da psicoloxía, a prevención e a intervención social.

A programación comezará o xoves 21 de maio coa conferencia “Escravos do invisible: pensamento crítico para cortar as cadeas das adiccións comportamentais”, impartida por Iván Pico Martínez, graduado en Psicoloxía e especialista en prevención de adiccións no ámbito educativo.

O 28 de maio será a quenda de “Riscos dos adolescentes nas redes sociais: prevención de condutas aditivas”, a cargo de Margarita Carmen Martín Martín, profesora de Psicoloxía Evolutiva e da Educación na Universidade Complutense de Madrid.

A terceira sesión celebrarase o 4 de xuño baixo o título “Xogo de azar e trastorno polo xogo: detección, prevención e resposta desde o social e sanitario”, impartida por Gerardo Rodríguez Velo, presidente da Federación Española de Xogadores de Azar Rehabilitados (FEJAR) e coterapeuta en Agalure.

O ciclo pecharase o 11 de xuño coa charla “Deseñados con trampas: como o deseño dos videoxogos afecta á saúde mental”, ofrecida por Juan Francisco Navas Pérez, profesor de personalidade, avaliación e psicoloxía na Universidade Complutense de Madrid e coautor do libro Trampas.

A iniciativa está dirixida á mocidade, familias, educadores e público en xeral, con entrada libre ata completar aforo.

O Concello de Lugo destaca a importancia de promover espazos de reflexión e información arredor dunha realidade cada vez máis presente na sociedade, especialmente entre a poboación máis nova, fomentando ferramentas de prevención e uso responsable das novas tecnoloxías e do lecer dixital.

Noticias relacionadas