O Goberno Local demanda á Xunta reformular o proxecto de As Gándaras para garantir habitacións que respecten a intimidade das persoas maiores

O Executivo municipal considera que a reforma debe priorizar a dignidade e a privacidade das persoas usuarias do centro.

O Concello reclama garantías formais e por escrito de que a reforma non reducirá a intimidade nin os dereitos das persoas residentes.

“Non estamos falando dun edificio, senón do fogar de persoas maiores que teñen dereito á intimidade e á dignidade”, afirmou Ana González Abelleira.

Xoves, 05 de marzo de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno Local demanda á Xunta reformular o proxecto de As Gándaras para garantir habitacións que respecten a intimidade das persoas maiores

O Goberno Local demanda á Xunta de Galicia que reformule o proxecto de reforma da residencia de maiores de As Gándaras co obxectivo de garantir a intimidade e a dignidade das persoas usuarias do centro. O Executivo municipal considera necesario revisar o deseño previsto para asegurar que as persoas residentes dispoñan dun espazo propio que respecte a súa privacidade e a súa calidade de vida.

Neste sentido, a concelleira Ana González Abelleira subliñou que este debate “non é unha cuestión técnica menor nin unha discusión sobre metros cadrados, senón unha cuestión de dignidade”. “Estamos a falar do fogar de persoas maiores que teñen dereito á intimidade e a vivir esta etapa da súa vida con tranquilidade e respecto. Unha habitación non é só un espazo físico, é o lugar onde unha persoa descansa, onde recibe visitas e onde conserva a súa esfera máis persoal”, explicou.

A edil incidiu en que a prioridade debe ser garantir condicións de vida dignas para as persoas que xa residen no centro. “Non podemos aceptar que a solución pase por reducir a intimidade das persoas maiores. Unha cortina, unha mampara ou calquera outro elemento de separación non poden substituír o dereito a un espazo propio”, afirmou.

González Abelleira engadiu que, máis alá das explicacións trasladadas nas últimas semanas sobre posibles axustes no proxecto, o que corresponde agora é ofrecer garantías claras e verificables. “Valoramos calquera reunión ou explicación, pero non chega con anuncios verbais. O que pedimos é un compromiso claro e por escrito que permita comprobar con total transparencia que a reforma non vai reducir nin a intimidade nin os dereitos das persoas residentes”, sinalou.

Desde o Goberno Local lembran que as persoas usuarias da residencia levan semanas trasladando publicamente a súa preocupación polo impacto que pode ter a reforma nas condicións de vida dentro do centro. Neste contexto, o Concello considera imprescindible que calquera actuación conte co diálogo e coa participación das persoas residentes.

“A administración pública ten a responsabilidade de escoitar ás persoas que viven nestes centros. Estamos a falar do seu fogar e do seu día a día, polo que as decisións que se adopten deben contar coa súa voz e co seu criterio”, indicou González Abelleira.

A concelleira sinalou tamén que este debate reflicte dúas maneiras distintas de entender o modelo de atención ás persoas maiores. “Hai quen entende que a prioridade é incrementar prazas a calquera prezo, e hai quen defendemos que iso non se pode facer a costa da intimidade e da calidade de vida das persoas que xa viven nos centros”, explicou.

“O modelo residencial do futuro debe estar centrado nas persoas, con espazos máis humanos, máis personalizados e que garantan o benestar das persoas maiores”, engadiu.

Por este motivo, o Goberno Local insta á Xunta a confirmar a modificación do proxecto da residencia de As Gándaras para garantir que a reforma mellore as condicións do centro sen comprometer a privacidade nin os dereitos das persoas usuarias.

“Lugo é unha cidade que coida e que respecta ás súas persoas maiores. Por iso imos seguir defendendo que As Gándaras sexa un espazo de dignidade, de tranquilidade e de respecto para quen vive alí”, concluíu González Abelleira.

Audio

  • A edil Ana Gonzalez Abelleira, sobre o proxecto de As Gándaras | Descargar mp3

Noticias relacionadas