A Tenencia de Alcaldía continúa a traballar nun plan piloto nunha serie de núcleos de poboación para "converter a Lugo na segunda cidade con este servizo".
Arroxo: "O taxi a demanda funcionará de xeito similar a un bus urbano, atendendo baixo petición previa á veciñanza das parroquias nas que este servizo non pode chegar".

O tenente de Alcalde e edil de Mobilidade do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, acompañado pola concelleira de Participación e Servizos á Veciñanza, Cristina López reuniuse con veciñas e veciños de Labio, un dos núcleos onde a Tenencia de Alcaldía iniciará o plan piloto de taxi a demanda. Segundo explicou Arroxo, "Lugo pode ser a segunda cidade do estado en contar cun sistema que permita á veciñanza das parroquias sen servizo de bus solicitar un taxi para achegarse ata a cidade a custo reducido".
O tenente de Alcalde destacou que "poñeremos en marcha un servizo para que a veciñanza, baixo demanda, poida facer os seus desprazamentos, xa que o bus urbano non pode chegar ás 54 parroquias".
O transporte rural a demanda requirirá da posta en marcha dunha plataforma de control que permita ao Concello coñecer a demanda do servizo e os percorridos realizados por cada vehículo. O servizo funcionará de xeito similar ao bus urbano, conectando todas as parroquias con rutas predefinidas e mantendo o prezo do billete do bus urbano, sempre que a veciñanza dos núcleos rurais o solicite con antelación.
Arroxo concluíu que "sería insostible que o bus urbano dera servizo ás 54 parroquias do rural de Lugo, mais esta alternativa permitiría á veciñanza gozar de transporte público a un prezo asequible".



