Concello e sector do taxi impulsarán a mellora do servizo a demanda no rural e o incremento das licenzas, con especial atención aos vehículos adaptados

O Concello estudará tamén incrementar as licenzas de taxi, con especial atención aos vehículos adaptados, para mellorar a mobilidade e a accesibilidade no municipio

Sábado, 27 de xuño de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e sector do taxi impulsarán a mellora do servizo a demanda no rural e  o incremento das licenzas, con especial atención aos vehículos adaptados

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo un encontro con representantes do sector do taxi no que se abordaron distintas medidas destinadas a mellorar a mobilidade tanto no ámbito urbano como no rural do municipio.

Durante a reunión, Concello e profesionais coincidiron na conveniencia de seguir traballando na consolidación e ampliación do servizo de taxi a demanda, unha ferramenta que está a facilitar alternativas de transporte á veciñanza das parroquias e contribuíndo a mellorar a mobilidade no rural.

A rexedora destacou a importancia de continuar avanzando en medidas que permitan reforzar a conectividade das parroquias e garantir que vivir no rural non supoña unha limitación á hora de acceder aos servizos ou realizar desprazamentos cotiáns.

Como resultado do encontro, acordouse a creación dunha mesa de traballo permanente co sector para analizar a situación actual do servizo e estudar posibles melloras que permitan adaptalo ás necesidades reais da cidadanía.

Entre os asuntos que se abordarán figura tamén a análise da situación das licenzas de taxi no municipio. Na actualidade, Lugo conta con 69 licenzas, das cales 3 corresponden a vehículos adaptados, unha realidade que será estudada co obxectivo de reforzar a accesibilidade e ofrecer unha mellor resposta ás persoas con necesidades específicas de mobilidade.

Candia agradeceu a disposición e colaboración amosada polos profesionais do sector e destacou a importancia de traballar da man dos colectivos implicados para adoptar decisións útiles e eficaces.

“O mellor xeito de mellorar os servizos públicos é escoitando a quen os presta e a quen os utiliza cada día.”, sinalou a alcaldesa.

O servizo de taxi a demanda no rural rexistrou entre os meses de febreiro e maio un total de 241 desprazamentos, cun custo de 3.937,47 euros para as arcas municipais.

Con este encontro, Concello e sector do taxi reforzan unha vía de colaboración permanente para analizar necesidades, detectar oportunidades de mellora e avanzar cara a unha mobilidade máis próxima, accesible e adaptada ás necesidades da veciñanza.

Multimedia

  • Concello e sector do taxi impulsarán a mellora do servizo a demanda no rural e  o incremento das licenzas, con especial atención aos vehículos adaptados

Noticias relacionadas