Maite Ferreiro mantivo unha xuntanza coa cantante Lucía Pérez

A edil de Cultura anunciou as primeiras actividades do ciclo de animación á lectura da Biblioteca Municipal.

O MIHL acolle cada ano  máis de 20 actividades gratuítas dirixidas ás nenas e nenos, co obxectivo de incentivar a ler e a acudir á Biblioteca Municipal.

Ferreiro: "Cada ano, máis de 800 nenas e nenos desfrutan das actividades de animación á lectura do Concello, esgotando sempre as entradas dispoñibles".

Domingo, 23 de febreiro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Maite Ferreiro mantivo unha xuntanza coa cantante Lucía Pérez

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, mantivo un encontro coa cantante Lucía Pérez. Ferreiro escoitou a proposta da cantante do Incio e afirmou que "estudaremos a súa proposta para contar con ela na programación cultural do 2025".

Ferreiro anunciou que o MIHL acollerá 6 novas actividades de animación á lectura organizadas pola área de Cultura e dirixidas ás nenas e nenos de Lugo. "Con estas actividades pretendemos achegar ás máis pequenas e pequenos á biblioteca e ao mundo da lectura e dos contos, prestando ademais especial atención ao fomento da igualdade de xénero", explicou Maite Ferreiro.

A área de Cultura utiliza o MIHL para estas actividades, "promocionando tamén esta instalación, as súas exposicións e a súa singularidade", explicou a edil de Cultura, que engadiu "estas actividades contan sempre cunha gran participación por parte do público, achegándose cada ano máis de 800 nenas e nenos nos distintos ciclos de programación".

As actividades de Animación á Lectura e Contacontos divídense en catro trimestres, realizándose unhas 20 actividades ao longo do ano. Cada unha delas, está adaptada para as distintas idades das nenas e nenos participantes, achegando actividades de lecer para nenos desde 1 ano ata os 12 de xeito totalmente gratuíto para as familias.

O novo ciclo terá lugar entre o 27 de febreiro e o 10 de abril. As entradas para os espectáculos poden retirarse de xeito gratuíto a través do portal entradaslugo.es. Cada espectáculo conta cunha cabida de 70 persoas, permitíndose o acompañamento dun adulto.

Xoves, 27 de febreiro ás 18:00 horas no MIHL

  • TARABELOS: “Amoriños contei”
  • Idades: a partir de 4 anos
  • Duración:55 minutos
  • Selección de contos nos que se agochan historias de amor. Amores esquecidos, atopados, divertidos, mentireiros, voadores...amoriños contados!

Xoves, 6 de marzo ás 18:00 horas no MIHL

  • BEA CAMPOS: “Garavanciña”
  • Idades: de 1 a 3 anos
  • Duración: 40 minutos
  • Adaptación teatral do conto clásico na que se lle dá unha volta aos roles tradicionais pero mantendo a fantasía desta fermosa historia con monicreques, cancións e narración oral

Xoves, 20 de marzo ás 18:00 horas no MIHL

  • TRÉMOLA TEATRO: “Anuncio por palabras”
  • Idades: a partir de 3 anos
  • Duración: 45 minutos
  • Irene atopa no aburrido xornal a sección de anuncios por palabras na que se ofrece unha chea de traballos. Ela tiña moi claro o que quería ser de maior... ou non tanto!

Xoves, 27 de marzo ás 18:00 horas no MIHL

  • GALITOON: “O descontacontos”
  • Idades: a partir de 2 anos
  • Duración: 35 minutos
  • O avó Carmelo comeza a contar os contos polo final, esquécese do argumento e argalla personaxes e cousas inverosímiles. Menos mal que Rús, o seu inseparable canciño, conseguirá rematar o conto como é debido!

Xoves, 3 de abril ás 18:00 horas no MIHL

  • BANDULLO AZUL: “Historias dun mundo grande”
  • Idades: a partir de 5 anos
  • Duración: 50 minutos
  • A cadeliña Becki desde a súa biblioteca, onde pasa tanto tempo lendo e escribindo, cóntanos historias que foi coñecendo nas súas viaxes polo mundo. Historias de colaboración e solidariedade coas que cantaremos e bailaremos para celebrar o respecto e a felicidade.

Xoves, 10 de abril ás 18:00 horas no MIHL

  • TEATRO CALAVERA: “Animaladas”
  • Idades: a partir de 3 anos
  • Duración: 80 minutos
  • A exploradora Jeanne Baret convida ao público a unha misión na selva de Pitiminí que está chea de misterios e especies por descubrir. Para conseguilo terán que se internar na natureza salvaxe onde coñecerán fascinantes historias.

Multimedia

  • Maite Ferreiro mantivo unha xuntanza coa cantante Lucía Pérez

Noticias relacionadas