A solidez das contas de 2019 permiten ao Concello de Lugo afrontar o investimento extraordinario de 5 millóns de euros en familias, autónomos e pemes para paliar os efectos do COVID 19

Conta cun aforro de remanente de tesourería de 51’6 millóns, dos que a alcaldesa acaba de autorizar que se incorporen 22 millóns para seguir executando o gasto comprometido

Lara Méndez sostén que “a nosa solidez e solvencia a curto e longo prazo nos da cobertura para os gastos fixos e extraordinarios e para levar a cabo a transformación da cidade”

Sábado, 21 de marzo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A solidez das contas de 2019 permiten ao Concello de Lugo afrontar o investimento extraordinario de 5 millóns de euros en familias, autónomos e pemes para paliar os efectos do COVID 19

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acaba de asinar un decreto para incorporar 22 millóns de euros do remanente ás contas municipais co fin de garantir a efectiva realización dos compromisos de gasto adquiridos polo Concello tanto para o abono de recibos que se foron adiando como para iniciar a construción de dotacións municipais xa comprometidas que aínda non foran materializadas, circunstancia debida, en gran parte, a non dispor o ano pasado de orzamentos aprobados.

 Esta incorporación de remanente se desenvolve agora xa que previamente tivo que pecharse a liquidación do exercicio do 2019 que, segundo o informe de Intervención do Concello de Lugo, reflicte un resultado no que os ingresos superan aos gastos, tras os axustes oportunos, en 20’3 millóns de euros, cun aforro estrutural en termos netos (superávit) de 1’3 millóns de euros.

“Isto dá unha idea da potencialidade económica que ten o Concello para dar cobertura aos gastos fixos, acometer eventuais operacións de investimento e poder afrontar gastos extraordinarios como a partida de 5 millóns que imos destinar a paliar os efectos do coronavirus nas familias, pemes e autónomos”, segundo sostén Lara Méndez.

O Concello conta cun aforro representado polo remanente de tesouraría que se cifra en 51’6 millóns de euros, que poderán ser utilizados como fonte de financiamento nos cambios a acometer de forma inmediata e permitirá continuar implementando os cambios organizativos necesarios para afrontar medidas de redución de período de pago a provedores, “sen que por iso se vexa afectado o índice de liquidez da facenda municipal, todo iso sen recorrer ao crédito externo e mantendo a débeda financeira en 0 euros, debido a que o Concello conta cunha capacidade de financiamento estable e positivo por importe de 10.106.555’41 euros”, argumentou a alcaldesa.

Deses 51’6 millóns de euros, agora hai que descontar os 22 millóns que se incorporan para seguir executando o gasto comprometido. Neses 22 millóns de euros inclúense os 10 millóns de remanentes da modificación de crédito aprobada a finais do ano pasado para executar actuacións en barrios, deportes, o rural e servizos básicos.

Ingresos

A liquidación do exercicio tamén amosa un alto nivel de recadación neta de ingresos, dun 82 %, e reflicte, ademais, unha boa previsión á hora de facer o orzamento inicial xa que no capítulo de ingresos, os dereitos recoñecidos netos foron do 98% no caso dos impostos e do 99% nas taxas e outros ingresos. Estes datos indican que “os lucenses pagan ao día os impostos e isto beneficia moito ás arcas municipais e á situación fiscal de Lugo”, argumenta a rexedora.

Pasos dados para mellorar a área económica  

Dende a área de Gobernanza e Economía, a súa titular, Paula Alvarellos, destaca os pasos dados nos últimos meses para efectivizar a xestión de toda a área económica do Concello.

“De forma simultánea á dixitalización dos procedementos fomos introducindo unha simplificación dos trámites e unha diminución dos protocolos administrativos para que, dende os servizos de Contratación, Tesourería e Intervención, se puidera, grazas ao esforzo que estiveron a facer as e os traballadores destes departamentos, xerar novas dinámicas de funcionamento moito máis áxiles que redundarán non só na efectividade interna senón tamén na redución dos tempos cos que se atende aos requirimentos da cidadanía”.

Alvarellos puxo como exemplo que “o Concello de Lugo conseguiu rebaixar en 2019, o Período Medio de Pago a Provedores, é dicir, o tempo que transcorre dende que se autoriza a factura ata que se abona, a 10’34 días no mes de decembro, moi por debaixo dos 30 que determina a lei”.

 “O obxectivo – abonda a concelleira – é o de manternos nesa liña, resolvendo con rapidez cada unha das partes que integran os procesos de adxudicación pública, dende a redacción dos expedientes, pasando pola súa licitación e polo correspondente pagamento da obra ou servizo que se contrate o que terá un reflexo positivo tamén nas relacións entre a institución e o administrado en tanto se beneficiará antes das prestacións ou da creación de novas infraestruturas”.

Audio

  • A alcadesa Lara Méndez, sobre a liquidación de contas e incorporación de remanentes | Descargar mp3

Noticias relacionadas