O talento feminino, a economía circular, as tecnoloxías aplicadas ao mundo laboral e a arte urbana, protagonistas da 2ª xornada do Tour en Lugo

A alcaldesa participou esta mañá no Foro de Desenvolvemento de Talento celebrado no MIHL e, pola tarde, visitou a Feira de Emprendedoras e asistiu a mesa redonda de arte urbana.

Mércores, 03 de maio de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O talento feminino, a economía circular, as tecnoloxías aplicadas ao mundo laboral e a arte urbana, protagonistas da 2ª xornada do Tour en Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, participou este mércores no Foro de Desenvolvemento de Talento, que tivo lugar no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), dentro da programación do Tour do Talento, iniciativa impulsada pola Fundación Princesa de Girona, da man do Concello. A rexedora realizou, así mesmo unha visita guiada pola exposición que o CIFP As Mercedes ofrece no MIHL ao longo de toda a semana, enmarcada tamén no programa do Tour.

“O Foro reuniu a 140 mozos e mozas do municipio que tiveron a oportunidade de escoitar a reputados expertos e especialistas no ámbito dixital e as novas tecnoloxías. Deste xeito, durante a xornada levouse a cabo un Focus Group sobre innovación, talento e propósito da man de Ou4I, Norvento Enerxía e Avincis”, explicou a rexedora.

Paralelamente, durante a xornada de mañá tiveron lugar dúas mesas redondas sobre economía circular e novos modelos de negocio no edificio Impulso Verde, coa participación de emprendedores lucenses como Antonio Fernández, de Ancaria SL; David Yáñez, de Ecinor; Santiago Seijas, de My Bike; Antonio Fernández, de Recicla2; Josefa de León, de Agroamb; e Mario Carballo de Maderas Besteiro.

Así mesmo, no Vello Cárcere celebráronse os encontros culturais “A cultura, un modo de vida” e “A diversidade cultural e a inclusión social”, que contaron con relatores como Cris Bamio, artista plástica e fotógrafa; Xema López, artista lucense; Christian Gutiérrez de TaTaTá Comunicacións; e José Luis Andújar Matalobos, deseñador gráfico, ilustrador e pintor.

Por outra banda, a rexedora visitou durante a tarde a carpa instalada na Praza Horta do Seminario, onde ao longo da xornada se celebrou a Feira de Primavera de Emprendedoras: Economía verde e circular, posta en marcha polo executivo municipal da man do programa Woman Emprende da USC, na que participaron 20 emprendedoras mostrando os productos e servizos que comercializan.

Para concluir a xornada, Méndez participou na charla “A evolución da arte urbana: da rúa á galería”, a través da que os grandes artistas urbanos de Lugo mantiveron unha charla cos mozos e mozas da cidade e resolveron as súas dúbidas.

Multimedia

  • O talento feminino, a economía circular, as tecnoloxías aplicadas ao mundo laboral e a arte urbana, protagonistas da 2ª xornada do Tour en Lugo

Noticias relacionadas