A firma lucense foi distinguida como unha das startups máis innovadoras de España, recoñecendo o impulso ao emprendemento e o seu impacto social e medioambiental.
A alcaldesa sostén que “co Lugo Transforma apostamos por desenvolver proxectos punteiros que retén o talento na nosa cidade e que crean centos de empregos directos”.

A empresa de selo lucense, Innogando, unha das firmas participadas do fondo de capital resgo Lugo Transforma, impulsado polo Concello de Lugo, segue acaparando premios polas súas achegas ao sector agrogandeiro, pola súa faceta innovadora e polo seu impacto social e medioambiental. Todos estes criterios se tiveron en conta para que, recentemente, fose distinguida como unha das empresas máis innovadoras a nivel nacional, nos premios TOP 101 Spain up Nation, no que tamén foi designada como “Embajadora de Galicia”, nun dos máximos recoñecementos no estreo destes premios nacionais, no que foron nomeadas embaixadoras outras 18 empresas doutras tantas comunidades e cidades autónomas.
Paula Alvarellos sinalou que “Estes premios obtidos por Innogando demostran que en Lugo hai talento, potencial e xente nova que aposta pola innovación e o emprendemento, consolidando en pouco tempo iniciativas empresariais punteiras, como é o caso de Innogando, que suma estes premios a outras distincións acadadas este ano. Desde o Concello de Lugo queremos que estas empresas queden aquí e que a nosa cidade sexa o lugar desde o que avancen e progresen; ese é o obxectivo do fondo de capital resgo Lugo Transforma, na que unha das súas firmas participadas é precisamente Innogando”. Para a alcaldesa de Lugo “apostar polo desenvolvemento destas empresas punteiras é o mesmo que facelo polo avance e o progreso da nosa cidade”.
Neste sentido, a rexedora municipal puxo en valor que “grazas á posta en marcha desta estratexia pioneira no ámbito local, o Lugo Transforma xa ten mobilizados 12 millóns de euros de inversión pública, un millón máis de achegas privadas e o que é máis importante: a creación de ao redor de 230 postos de traballo directos e de calidade que nos está a permitir non só fixar habitantes, senón atraer nova poboación ao tempo que apoiamos o desenvolvemento destas empresas punteiras”.
Esta primeira edición dos recoñecementos Top101 Spain up Nation naceu como un impulso ao emprendemento co impacto en España, cunha aposta decidida a proxectos que están a marcar o futuro. Córdoba foi o escenario destes premios, promovidos pola Empresa Nacional de Innovación (ENISA), dependente do Ministerio de Industria y Turismo, e a Asociación Española de Agencias de Desarrollo Regional (Foro ADR). Ademais, das 19 empresas “embajadoras”, 12 obtiveron financiamento ou certificación de ENISA, entre as que tamén figura a empresa de selo lucense.
As 101 empresas seleccionadas, provenientes de toda España, expuxeron os seus proxectos, baseados na biotecnoloxía, robótica, sostibilidade ou a intelixencia artificial, entre outros. Pola súa banda, as 19 empresas embaixadoras foron seleccionadas polo seu alto impacto social e ambiental. Devanditos recoñecementos outórganse ás startups cun enfoque máis transformador en cada comunidade e cidade autónoma, sendo un reflexo do compromiso do emprendemento español co desenvolvemento sostible.

