O pregón da Alcaldesa, e os seus recordos relacionados co día de San Antonio, inauguran as festas do Castiñeiro

Lara Méndez confesou ser “unha persoa amiga das festas populares” ao tempo que puxo en valor as festas de barrio, “onde se reflexa mellor e máis fielmente o aroma das súas xentes”

Xoves, 02 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O pregón da Alcaldesa, e os seus recordos relacionadas co día de San Antonio, inauguran as festas do Castiñeiro

A Alcaldesa de Lugo ofreceu este xoves o pregón que abre as festas de  San Antonio no barrio do Castiñeiro, “un barrio que se fixo a si mesmo á forza de perservar, e que dende hai máis de 50 anos se integrou á perfección no núcleo da cidade”, tal e como o definiu Lara Méndez no seu primeiro pregón como rexedora nun dos barrios de Lugo.

“Moitos dos que aquí vivides dende hai anos seguro que escoitastes, máis dunha vez, a frase Vou a Lugo, cando había que desprazarse ao centro. Hoxe soaría, canto menos, extraño. Todos somos Lugo, todos facemos Lugo, e queremos que siga sendo así. Ese é o meu desexo: facer de Lugo unha cidade para as persoas”, asegurou durante a súa intervención a rexedora, quen confesou que “é unha persoa amiga das festas populares” ao tempo que puxo en valor as festas de barrio como o mellor exemplo “onde se reflexa mellor e máis fielmente o aroma das súas xentes”.

A rexedora salientou o significado persoal que para ela ten o patrón do Castiñeiro, San Antonio. “Todos os 13 de xuño, na miña casa, festexamos o santo do meu avó, de meu irmán, dun dos meus sobriños e de miña nai”. Neste senso tamén quixo lembrar que foi outro 13 de xuño, de hai tan só un ano, cando tomou posesión como Alcaldesa.

Para rematar, Lara Méndez fixo un agradecemento á comisión de festas, que este ano conseguiu superarse, ofrecendo catro días de festa coas mellores orquestras, e convidou a todos os asistentes a gozar destes festexos.

Noticias relacionadas