O Pleno dá luz verde á modificación de 22 ordenanzas, 18 fiscais, 3 prezos públicos e a de administración electrónica

A Concelleira de Economía defendeu a proposta do Goberno, que dá resposta a demandas formuladas por distintos colectivos e está baseada en 2 piares, favorecer á cidadanía con menos recursos e garantir a estabilidade orzamentaria

Entre as modificacións, mantense conxelado o IBI e fíxase en 40.000€ os ingresos como límite para familia numerosa, créase a bonificación do 50% para obras gandeiras, agrícolas e forestais; redúcese a taxa polo uso do auditorio, ofrecendo 2 alternativas, e rebáixase o prezo das entradas aos museos

Luns, 14 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Pleno dá luz verde á modificación de 22 ordenanzas, 18 fiscais, 3 prezos públicos e a de administración electrónica

A Corporación Municipal aprobou este luns en Pleno Extraordinario a modificación de 22 ordenanzas para o ano 2017, 18 fiscais (taxas e impostos), 3 prezos públicos e a de administración electrónica. A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, defendeu a proposta do Goberno Municipal elevada a Pleno, que da resposta ás demandas formuladas por distintos colectivos, resultado do diálogo e do consenso do Goberno con todos os grupos, de aí que se incluíran propostas de todas e cada unha das formacións políticas que constitúen a Corporación, e baseado en dous piares, “favorecer á cidadanía con menos recursos, perseguindo unha tribuación xusta e progresiva, e garantir a estabilidade orzamentaria”. Ademais, esta proposta mellora a redacción dalgún dos textos, adecuando a proposta á normativa legal vixente como resultado de cambios normativos que veñen ocorrendo na lexislación.

As 22 ordenanzas modificadas son as seguintes: Ordenanza Fiscal Xeral, taxa por expedición de documentos administrativos, pola prestación de servizos urbanísticos, pola prestación de servizos de prevención de incendios, ruínas, derrubes, salvamentos e outros análogos, pola prestación de servizos no cemiterio municipal, pola prestación do servizo da rede de sumidoiros, saneamento e depuración de augas residuais; pola prestación do servizo de recollida domiciliaria de residuos sólidos urbanos, polo servizo municipal de subministración de auga potable a domicilio, pola prestación de servizos e utilización da galería de tiro, pola prestación do servizo de mercado, pola prestación do servizo de axuda no fogar por parte dos servizos sociais municipais, por dereitos de exames, pola intervención municipal nas comunicacións previas e declaracións responsables na apertura de establecementos, así como imposto sobre vehículos de tracción mecánica, sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana, sobre construcións, instalacións e obras; sobre bens inmobles  e sobre actividades económicas; prezo público pola prestación de servizos nas instalacións deportivas e de recreo municipal, pola prestación de servizos nas instalacións culturais e pola prestación de servizos na Escola Municipal de Música. Ademais modifícase a Ordenanza Reguladora de Administración Electrónica.

Pola contra, non saíu adiante a ordenanza fiscal reguladora das taxas por aproveitamentos especiais da vía pública, co que o Goberno buscaba, en categoría primeira, pasar a bonificación do 60 ao 65% para as terrazas, e para as grúas, do 25 ao 30%, co fin de aproximala á media galega, e atendendo ás demandas de distintos colectivos socioeconómicos. Nesta liña, votou a favor o Goberno Local, en contra, o Grupo Municipal do Partido Popular e de Cidadáns, e abstivéronse os grupos de Lugonovo, Bloque Nacionalista Galego-Asambleas Abertas e Alternativa Cidadá de Esquerdas.

Entre as modificacións aprobadas hoxe na sesión plenaria, no que se relaciona ao imposto de construción, desaparece a bonificación do 50% que se aplicaba ás edificacións das naves no polígono das Gándaras e trasládase a obras gandeiras, agrícolas e forestais. En canto ao IBI, mantense conxelado e fíxase en 40.000 euros os ingresos da unidade familiar como límite para poder acceder á bonificación por familia numerosa.

En relación ao cemiterio, engádese nas ordenanzas a taxa por columbarios no Xardín dos Arumes, fixándose o prezo da concesión para 5 anos en 140,95 euros. Tamén hai cambios no imposto de vehículos, para os de mais de 20 CF.

No que se refire a instalacións culturais, redúcese a taxa polo uso do auditorio, ofrecendo 2 alternativas, con infraestrutura, 500 euros, e sen infraestrutura, de 200. Así mesmo, rebáixase o prezo das entradas da rede de museos municipais. Pasa de 3 a 2 euros a entrada xeral, e a reducida, de 2 a 1, incluíndose ademais o Museo Interactivo da Historia de Lugo.

Os cambios inclúen ademais a reforma da facturación electrónica, non admitindo o Concello facturas en papel a partir do vindeiro 1 de xaneiro de 2017. 

Audio

  • Ana Prieto, sobre as ordenanzas fiscais tratadas no Pleno |Descargar mp3

Noticias relacionadas