O Executivo de Paula Alvarellos esixirá no Pleno que a Xunta incremente a achega económica que realiza para asumir o custo orzamentario do Servizo de Axuda no Fogar

“A nosa realidade social abala a necesidade de apostar por un sistema público, áxil e eficiente  que dea solucións efectivas aos coidados derivados da dependencia, algo que o Goberno autonómico non está a facer”, sinalou a edila Olga López Racamonde.

“Ante a falta de compromiso evidenciado  polo goberno de Rueda, desde O Concello apostamos por realizar unha enorme mobilización de recursos municipais para asegurar unha atención de calidade á veciñanza”,  apuntou a concelleira.

Mércores, 20 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos esixirá no Pleno que a Xunta incremente a achega económica que realiza para asumir o custo orzamentario do Servizo de Axuda no Fogar

A área socialista do Goberno local defenderá no pleno ordinario deste mes unha proposición na que reclama ao Goberno autonómico incrementar a achega económica que realiza para asumir o custo orzamentario do Servizo de Axuda no Fogar, atendendo á demanda existente e cumprindo así coas competencias que lle son propias e exclusivas. “A realidade social de Galicia pero moi especialmente a de Lugo, con máis do 23% de persoas maiores de 65 anos,  cunha taxa de dependencia da poboación maior de 64 anos na provincia de Lugo de 47’71 e cun índice de envellecemento do 269’05, abala a necesidade de apostar por un sistema público, áxil e eficiente  que dea solución efectiva aos coidados derivados da dependencia”, sinalou ao respecto a edila de Benestar Social e Maiores, Olga López Racamonde.

A inciativa socialista recorda que a achega do Goberno de España para dependencia amosa nos tres últimos anos un incremento acumulado de 3.792,5 millóns de euros, o que supón recuperar o 94% dos recortes realizados polo goberno de Mariano Rajoy no ano 2012, tras a aprobación do RDL 20/2012. “Sen embargo o incremento orzamentario do Goberno central tivo un efecto perverso nalgúns gobernos autonómicos, como o galego, que aproveitou esta suba para reducir os presupostos propios en lugar de utilizar o aumento para atender ás persoas en situación de dependencia que se atopan nas listas de espera ou mellorar a calidade das atencións, incrementando as contías das prestacións económicas ou mellorando a intensidade e compatibilidade dos servizos”, lamentou a concelleira.

Deste xeito, o grupo socialista sinala no seu texto, que un dos servizos fundamentais para a abordaxe da dependencia é o Servizo de Axuda no Fogar que,  a tenor da evolución económica dos últimos anos,  ten un incremento orzamentario que non se corresponde coas actualizacións realizadas polo Goberno da Xunta de Galicia. Neste sentido, o Concello de Lugo ven de licitar o novo contrato do SAF, no que investirá 33,9 millóns nos próximos 5 anos. “Fronte a falta de compromiso que o Goberno autonómico evidencia nesta materia da súa competencia exclusiva, apostamos por realizar esta enorme mobilización de recursos municipais para garantir a atención adecuada a este colectivo”, afirmou López Racamonde.

“O sistema de atención á dependencia, a pesar dos incrementos orzamentarios estatais, segue orixinando malos tratos institucionais debido á burocracia e á desidia amosada pola Xunta.  Segue sen avaliarse o impacto negativo de xénero derivado da feminización dos coidados, na medida en que estes non son resultado dunha libre elección, xa que as persoas coidadoras familiares dadas de alta no convenio especial da Seguridade Social o 88,1% son mulleres e un 57,1% menores de 55 anos”, rematou a concelleira, quen espera que todas as forzas políticas representadas na corporación posicionense do lado da veciñanza e esixan a Xunta que cumpra coas suas obrigas como administración.

Noticias relacionadas