O Impulso Verde é un novo símbolo do que representa Lugo no mundo, unha cidade orgullosa do seu pasado e á vangarda na acción polo clima

Lara Méndez inaugurou o edificio, impulsado polo Concello de Lugo e que incorpora os avances investigadores do Campus Terra (USC) e da Universidade Politécnica de Madrid.

“Hoxe é un día de gran satisfacción, pois poñemos a disposición da veciñanza unha nova dotación que xa é referente en España e Europa polo seu modelo construtivo”, apuntou.

A alcaldesa destacou que o edificio xa foi visitado por centos de persoas de todo o mundo, tivo presencia en foros internacionais e recibiu numerosos premios.

A partir do luns 10, poderán concertarse novas visitas guiadas, realizando unha solicitude a través do enderezo electrónico impulsoverde@alcaldialugo.gal  en sesión de mañá e tarde.

Sábado, 01 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Impulso Verde é un novo símbolo do que representa Lugo no mundo, unha cidade orgullosa do seu pasado e á vangarda na acción polo clima

O edificio municipal Impulso Verde, situado na Garaballa, abriu este sábado de forma oficial as súas portas á cidadanía lucense, convertido nun referente da nova edificación sostible, ao tratarse do primeiro inmoble público de toda España construído en madeira, en este caso, na súa totalidade con madeira de Galicia e revestido por lousa galega.

“Abrimos hoxe este edificio público, un referente da nova edificación sostible, que representa o papel de impulso que podemos desenvolver desde as administracións para mellorar medioambientalmente as nosas cidades a través da construción: co uso da madeira fronte o formigón e o aceiro”, explicou Lara Méndez.

A rexedora subliñou que “no caso do Impulso Verde, as cifras falan por si soas: emite un 90% menos que os edificios actuais e absorbe 280 toneladas de emisións, o que significa que está axudando xa nunha alta porcentaxe a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro; ademais, o seu modelo de construción implicará un aforro de consumo enerxético dun 74% respecto a edificios de oficinas xa existentes, e dun 54% respecto aos de nova construción”.

Ademais da alcaldesa, no evento deste sábado participaron José Luis Raposo, deputado provincial; Alberto Rojo, presidente de FSC España; e Manuel Guaita, responsable de PEMADE. En sesión de tarde, o edificio permaneceu aberto ao público de 17:00 a 20:00 horas, con visitas guiadas ás instalacións. A partir do luns 10 de abril, poderán concertarse novas visitas guiadas, realizando unha solicitude a través do enderezo electrónico impulsoverde@alcaldialugo.gal en sesión de mañá (ás 11:00 horas) e tarde (ás 19:00 horas).

Méndez lembrou que “o Impulso Verde é o primeiro en España e un dos poucos no mundo que logra a prestixiosa certificación de proxecto FSC (Forest Stewardship  Council), un visado que garante que toda a madeira utilizada, igual en estruturas que en encofrados, procede de fontes xestionadas segundo estritos estándares de sustentabilidade tanto ambientais como sociais”. Outros famosos proxectos certificados FSC no mundo son o Canary Wharf Crossrail  Place de Londres ou a pasarela do recinto feiral BuGa preto de Bonn.

A rexedora apuntou que “a aposta pola madeira galega fomenta a bioeconomía circular e un desenvolvemento económico local máis sostible que incide positivamente no medio rural; así, a construción con madeira utiliza fontes naturais, reduce as emisións, mellora a eficiencia enerxética dos edificios e mitiga a súa pegada ecolóxica ao comportarse como  reservorios de carbono”.

Esta edificación será –lembrou Lara Méndez– a semente do primeiro barrio multiecolóxico que se construirá en España desde cero e que combinará solucións urbanísticas e edificatorias, que tamén se recollen nun pioneiro Catálogo de Solucións Sostibles.

Características do edificio

Desde un punto de vista espacial, o edificio conecta ao usuario coa natureza a través do emprego da madeira e da inserción de espazos axardinados, destinados ao descanso e a distensión xa que está rodeado dun novo parque con pavimentos drenantes, especies autóctonas e xardíns de choiva. Tamén haberá unha ampla zona de hortos urbanos innovadores e de usos comunitarios cunha funcionalidade terapéutica e didáctica en prol da convivencia interxeracional.

De uso público e con actividade permanente, o Impulso Verde albergará servizos municipais, ademais dun coworking para empresas relacionadas co medio ambiente e o cambio climático. Na planta baixa, dedicada a zona expositiva, atópase instalada a mostra “O Lugo da transformación: un referente na sostibilidade urbana”, que se pode visitar durante o horario de apertura do edificio.

Acondicionamento da parcela

O Impulso Verde sitúase nunha parcela cunha superficie de 2.685 m², nun predio municipal de 8.001 m², na Avenida Infanta Elena, á altura da glorieta 25 de Novembro. Nas súas inmediacións creáronse zonas verdes e outras peonís e de estacionamento, ademais da instalación de mobiliario urbano e iluminación e sinalización LED.

As zonas verdes ocupan, aproximadamente a metade da extensión dispoñible “combinando especies vexetais tapizantes e aromáticas, xardíns de choiva e cultivos enerxéticos coa idea de dar continuidade ao novo bosque urbano ubicado nas Gándaras”. Tamén se plantaron árbores autóctonas que crearán zonas de sombra. “A selección destas especies vexetais foi realizada, de maneira conxunta, con expertos da Universidade de Santiago de Compostela, a fin de fomentar a biodiversidade” explicou a rexedora.

Paralelamente habilitouse unha zona peonil con pavimentos drenantes, 7 prazas de estacionamento de vehículos, das que dúas están reservadas a persoas con mobilidade reducida e outras dúas para modelos eléctricos. Tamén hai unha zona de bicicletas, composta por un carril de pavimento cerámico permeable que conta con aparcamento específico para fomentar a mobilidade alternativa e sostible.

Labor divulgativa

“Hoxe abrimos oficialmente este edificio, pero é un das poucas construcións que antes de ser inauguradas xa tivo axenda propia, porque deu a volta ao mundo en congresos e foros, e centos de persoas xa viñeron a coñecelo durante a súa execución”, explicou Méndez.

Así, o Impulso Verde intensificou, xa antes de abrir ao público, o seu labor divulgativo como referente construtivo e de sostibilidade. Deste xeito, durante a fase construtiva e de acondicionamento xa recibiu visitas de estudantes e de profesionais de toda Europa.

Por outra banda, foi elixido como o Mellor Proxecto do 2021 dos seleccionados no concurso internacional que lanzou a firma CUPA, líder mundial no sector da lousa natural, no que competía con catro proxectos de Reino Unido, Francia e Dinamarca. Tamén foi seleccionado como un dos finalistas dos Premios Rebuild 2021, que recoñecen os proxectos máis innovadores do sector da edificación.

Así mesmo, foi un dos protagonistas da 16ª edición do Congreso Nacional de Medio Ambiente (CONAMA 2022) e tamén protagonizou unha das sesións da 5ª edición do Congreso Rebuild 2022, o maior foro nacional da construción.

“Por iso, o Impulso Verde, antes de abrir as súas portas un día como hoxe, comezou xa a cumprir hai xa moitos meses unha das labores para as que foi executado : a labor de divulgación e concienciación na loita contra o cambio climático, labor máis necesaria que nunca: xa nos advirten que sufriremos este 2023 unha ola de calor extrema e se nos están a pedir medidas máis ambiciosas para protexer o planeta que lle queremos deixar aos nosos fillos”, concluíu Méndez.

Este proxecto enmárcase no programa LIFE Lugo + Biodinámico, cofinanciado pola Unión Europea a través de fondos FEDER e liderado polo Concello de Lugo, coa colaboración da Deputación de Lugo e a labor de investigación da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Politécnica de Madrid. O obxectivo é a posta en práctica dunha estratexia innovadora de planificación urbana destinada a actuacións en barrios ou áreas residenciais para conseguir tecidos urbanos adaptados ás consecuencias e efectos do cambio climático.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a inauguración do Edificio "Impulso Verde" | Descargar mp3
  • O presidente de FSC España, Alberto Rojo, sobre a inauguración do Edificio "Impulso Verde" | Descargar mp3
  • O deputado provincial, José Luis Raposo, sobre a inauguración do Edificio "Impulso Verde" | Descargar mp3
  • O responsable de PEMADE, Manuel Guaita, sobre a inauguración do Edificio "Impulso Verde" | Descargar mp3

Multimedia

  • O Impulso Verde é un novo símbolo do que representa Lugo no mundo, unha cidade orgullosa do seu pasado e á vangarda na acción polo clima
  • O Impulso Verde é un novo símbolo do que representa Lugo no mundo, unha cidade orgullosa do seu pasado e á vangarda na acción polo clima

Noticias relacionadas