O Impulso Verde acollerá as oficinas da empresa municipal de vivenda e solo, Evislusa, que disporá da súa sede neste pioneiro edificio

A alcaldesa informou que “nas vindeiras semanas iniciarase o traslado coa idea de que antes do verán o persoal xa poida estar plenamente operativo nestas modernas instalacións”.

A decisión foi xa comunicada persoalmente por Paula Alvarellos ás e aos traballadores de Evislusa.

Dentro do espazo que o inmoble tiña reservado a coworking, o edificio albergará unha das iniciativas vinculadas ao Plan de Sostibilidade Turística, unha lanzadeira emprendedora coa que impulsar proxectos innovadores neste sector.

Xoves, 23 de maio de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Impulso Verde acollerá as oficinas da empresa municipal de vivenda e solo, Evislusa, que disporá da súa sede neste pioneiro edificio

O edificio Impulso Verde, situado na Garaballa, acollerá dende este ano as oficinas da empresa municipal de vivenda e solo de Lugo, Evislusa, que trasladará a súa sede do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra a este pioneiro inmoble construído no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico. Así o avanzou este xoves a alcaldesa, Paula Alvarellos, quen explicou que “nas vindeiras semanas iniciarase o traslado coa idea de que antes do verán o persoal de Evislusa xa poida estar plenamente operativo nestas modernas instalacións”.

Neste senso, Alvarellos explicou que a decisión de desprazar este servizo ao Impulso Verde xa lle foi comunicada persoalmente aos traballadores e traballadoras. Dende que a nova alcaldesa tomou posesión, un dos asuntos que valorou –a través de reunións cos diferentes departamentos municipais– foi que servizo, polas necesidades de espazo e a idoneidade para adaptarse ás características do Impulso Verde, se adaptaba mellor para trasladarse a estas dependencias, tendo en conta que o edificio, ademais de albergar a Evislusa, conservará unha zona expositiva e un espazo dedicado ao emprendemento, mantendo os usos que estaban previstos inicialmente para este inmoble.

Deste xeito, a alcaldesa detallou que “na planta baixa permanecerá a exposición sobre o proxecto LIFE e o proceso construtivo do edificio, tal e como está configurada actualmente, ao tempo que compatibilizará nesta e na primeira planta o uso como sede da Empresa de Vivenda e Solo; mentres que o segundo andar albergará unha das iniciativas vinculadas ao Plan de Sostibilidade Turística – para o que acadamos 2 millóns de euros de financiación europea–, que consistirá nunha lanzadeira emprendedora cuxo obxectivo é dar impulso a proxectos innovadores, no sector turístico. Finalmente a planta alta reservarase para a celebración de actos ou eventos”, sinalou.

O feito de que o edificio conte con dúas entradas independentes facilitará o uso compartido das instalacións, que seguirán mantendo, así mesmo, a súa función divulgativa. A este respecto, o inmoble cumpre, a través das numerosas visitas que recibe, cunha importante función didáctica como expoñente do modelo de cidade que lidera a alcaldesa Paula Alvarellos. Un proxecto, clave na educación e na concienciación cidadá para avanzar na configuración de urbes máis fortalecidas ante o cambio climático.

O Impulso Verde, construído con madeira de Galicia, é o primeiro edificio en España e un dos poucos no mundo en obter a certificación de proxectos FSC, unha prestixiosa garantía que confirma que esta construción non contribúe á deforestación e aposta polo produto local. Tamén é un referente na loita contra o cambio climático, capaz de xerar con enerxías alternativas o seu propio consumo.

“Non  podemos esquecer que, alén da parte funcional que vai ter a partir de agora, a proxección internacional deste inmoble desperta un gran interese da sociedade civil máis aló das fronteiras da nosa comunidade e incluso no exterior, en países que xa son referentes na aplicación de políticas en prol da sustentabilidade o que nos sigue situando á vangarda de Europa”, concluíu a rexedora.

Noticias relacionadas