Entre as tarefas que se están a executar figura a limpeza e arranxo de mobiliario urbano, xogos infantís, fontes, aseo, firme dos paseos interiores e a eliminación de pintadas.
A alcaldesa sinala que este parque é unha sinal de identidade da cidade, ao que temos a obriga de darlle máis valor, de aí o traballo que estamos a facer para a súa renovación.
O edil en funcións de Medio Ambiente, Mauricio Repetto, anuncia a licitación da obra de recuperación da columna deteriorada e de parte da balaustrada do miradoiro do parque.

O Executivo de Paula Alvarellos está a levar a cabo unha serie de actuacións de conservación e actualización no parque Rosalía de Castro, para a posta a punto deste emblemático espazo da cidade. Estes traballos, que se enmarcan dentro do Plan Director para esta dotación, teñen por obxectivo, mellorar a imaxe da zoan verde referente da cidade. Entra as tarefas acometidas polos servizos da área de Medio Ambiente do Concello de Lugo destaca a limpeza con máquinas de auga a presión e o arranxo de mobiliario urbano, como os xogos infantís do parque, a ponte sobre o estanque, as fontes, o aseo, a eliminación de pintadas e grafitis e a retirada de contedores deteriorados. Ademais, esta mesma semana, aproveitando as boas condicións meteorolóxicas, tamén se realizará un acondicionamento do firme dos paseos interiores do parque Rosalía.
De xeito paralelo, estase a levar a cabo un traballo de supervisión da vexetación, tanto da que se atopa na zona perimtral como a dos distintos parterres para evitar pragas e planificar a reposición de exemplares.Neste sentido, a alcaldesa sinalou que “este parque é unha sinal de identidade da cidade, ao que temos a obrigar de darlle máis valor, de aí o traballo que estamos a facer para a súa renovación”.
Ademais das tarefas de limpeza, control da vexetación e arranxo do mobiliario urbano, outra das actuacións máis importantes permitirá dar unha solución definitiva a unha das columnas que decoran a balaustrada, un elemento de estilo art déco con case un século de vida, que foi danado despois de que un conductor chocara o seu vehículo contra este farol da balaustrada.
Trátase dunha columna duns tres metros de altura que rematan nun farol, cuxa obra de restauración licitarase proximamente.
O responsable en funcións da área de Medio Ambiente, Mauricio Repetto, sinala que este proxecto “que ten un prazo de execución dun mes, contempla non só a reparación da columna de alumeado, senón tamén parte da balaustrada circundante no peche oeste do miradoiro do parque. Trátase dunha intervención que reparará todos estes elementos conservando o estilo e a tipoloxía propias, e seguindo o mesmo criterio empregado na restauración da pérgola”.
Entre outros aspectos, a recuperación da balaustrada e da columna contempla a limpeza, o reforzo e a protección do acero, ao que seguirán os procesos de imprimación, aplicación do recheo e dun tratamento protector.
A balaustrada é un dos elementos distintivos deste parque xunto á pérgola, e ambos os dous son obxecto de pintadas de xeito frecuente, polo que as intervencións do Servizo Municipal de Limpeza tamén son habituais. Nestes días, e dentro de este plan de renovación e conservación do parque, tamén se está a intervir para a retirada deses grafitis e devolver o estado primixenio a todos estes elementos distintivos do parque.
Tras a reposición de exemplares dentro da campaña de inverno, o departamento de Medio Ambiente traballa no deseño dunha nova plantación que permita manter a singularidade da flora deste emblemática zona verde da cidade.
Audio
- O responsable en funcións da área de Medio Ambiente, Mauricio Repetto, sobre a intervención no Parque Rosalía de Castro | Descargar mp3




