O Executivo de Paula Alvarellos enviará 28 palés de produtos de primeira necesidade ás zonas afectadas pola DANA en coordinación coa Federación Valenciana de Municipios

Lugo continúa canalizando a solidariedade cidadá coa entrega de bens de primeira necesidade recollidos no operativo activado polo Concello.

O envío inclúe achegas de colectivos, entidades e empresas que participaron de forma activa neste dispositivo solidario.

A rexedora subliñou que "a solidariedade lucense volveu demostrar que podemos facer fronte a grandes desafíos co traballo conxunto de toda a sociedade".

Xoves, 05 de decembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos enviará 28 palés de produtos de primeira necesidade ás zonas afectadas pola DANA en coordinación coa Federación Valenciana de Municipios

O Executivo de Paula Alvarellos completará a próxima semana unha nova fase do dispositivo solidario activado para apoiar as zonas afectadas pola DANA na Comunidade Valenciana. En coordinación coa Federación Valenciana de Municipios, enviaranse 28 palés de produtos de primeira necesidade recollidos a través da implicación cidadá, de colectivos, asociacións, empresas e institucións.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, destacou o valor desta iniciativa e subliñou que "a solidariedade lucense volveu demostrar que podemos facer fronte a grandes desafíos co traballo conxunto de toda a sociedade." Ademais, incidiu na importancia de actuar con coordinación e responsabilidade para garantir que a axuda chegue de forma efectiva a quen máis a necesita.

Entre os produtos clasificados atópanse alimentos básicos como leite, auga ou conservas, artigos de hixiene e bens específicos para situacións de emerxencia. As achegas foron realizadas por unha ampla rede de entidades e empresas, entre as que se atopan o Colexio Oficial de Enfermería de Lugo, o alumnado da Facultade de Veterinaria da USC, a Xefatura Provincial de Tráfico, o Centro Penitenciario de Bonxe, o CIFP As Mercedes, o Concello de Muras, a Policía Local de Lugo e diversas asociacións de veciños do rural lucense. Tamén colaboraron empresas como BeOne e o Centro Comercial As Termas.

Paula Alvarellos quixo agradecer novamente o esforzo colectivo que fixo posible esta resposta: "Desde o Concello traballamos para que cada persoa, asociación ou empresa que quixese axudar puidese facelo de forma organizada e segura."

Unha resposta solidaria integral

Desde o inicio da emerxencia causada pola DANA, o Concello de Lugo puxo en marcha un conxunto de accións para canalizar a solidariedade da cidadanía de Lugo. Activouse un operativo de recollida de doazóns no Centro Social Díaz Castro, acompañado pola mobilización da Oficina Municipal de Voluntariado para organizar a recepción e clasificación dos materiais. Ademais, desprazouse un destacamento de 10 bombeiros lucenses que traballaron intensamente en zonas como Alfafar e Paiporta, colaborando en tarefas de limpeza e recuperación de infraestruturas clave.

Agora, culmina esta acción solidaria co envío dos bens recollidos, consolidando o compromiso de Lugo coa axuda efectiva ás zonas máis afectadas. "A nosa cidade amosou, unha vez máis, que a solidariedade non ten límites cando se trata de apoiar a quen máis o necesita," concluíu a alcaldesa.

Multimedia

  • O Executivo de Paula Alvarellos enviará 28 palés de produtos de primeira necesidade ás zonas afectadas pola DANA en coordinación coa Federación Valenciana de Municipios

Noticias relacionadas