A área de Cohesión Territorial acometerá, con cargo ao Plan de Cooperación da Deputación 2024, proxectos de acondicionamento do firme en cinco camiños e estradas.
Adicionalmente, cos remanentes de 2023 e cos fondos AGADER, levaranse a cabo, respectivamente, traballos en Cacabelos (Mazoi) e no camiño municipal que une Mazoi e Benade.
“Estas obras responden á necesidade de conservar a infraestrutura existente pero amosan tamén a capacidade do noso equipo para executar, en simultáneo, múltiples proxectos, grazas ao acceso a diferentes mecanismos orzamentarios”, destacou a rexedora.

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Cohesión Territorial, abordará a partir de setembro unha serie de melloras do firme en diversos camiños e estradas da rede municipal, ás que destinará máis de 330.000 euros, con cargo ao Plan Único de Cooperación da Deputación de Lugo 2024. Ademais, o Goberno local impulsará outras actuacións no trazado viario con remanentes do 2023 e con fondos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.
A totalidade dos traballos superará os 450.000 euros de investimento, constituíndose como un plan integral de mellora continua das vías de comunicación do municipio que reflicte o compromiso firme do Concello de Lugo por desenvolver e potenciar a calidade de vida nas parroquias.
A rexedora, que visitou os diferentes enclaves antes do inicio dos traballos acompañada pola concelleira de Cohesión Territorial, Ana González Abelleira; destacou que "a mellora destas infraestruturas é esencial para garantir o asentamento de poboación e o crecemento dos núcleos, como parte vital do desenvolvemento da nosa identidade". Alvarellos Fondo tamén subliñou que "as obras que imos iniciar son un claro exemplo do noso compromiso por fortalecer a conectividade e seguridade viaria, asegurando que a veciñanza poida dispoñer de accesos dignos e adecuados".
Pola súa banda, a edil Ana González, puxo en valor a importancia de contar con varios mecanismos de financiamento a través da colaboración entre diferentes estamentos, “xa que esta capacidade de poder traballar conxuntamente con diferentes administracións permítenos responder con maior amplitude ás necesidades que nos traslada a cidadanía”.
As obras programadas no Plan Único 2024 inclúen intervencións significativas en varias localizacións. Así, a área de Cohesión Territorial prevé abordar a través desta canle o acondicionamento da estrada que comunica a N-VI coa LU-2902, actuación orzamentada en 120.800 euros. Outra das obras de envergadura e que tamén ten carácter prioritario para a concellería é a mellora da comunicación entre os núcleos de Barreiro, Faxilde e Cuíña, na parroquia de Saa, labores aos que se destinarán 110.556 euros. Do mesmo xeito, con cargo a estes fondos, arranxarase o firme na vía que comunica Camiño do Souto coa Garaballa de Abaixo e actuarase no núcleo de Calde e nas parroquias do Veral e Orbazai. O importe total das tarefas vinculadas a esta ferramenta orzamentaria ascenderá a 325.245 euros.
Emprego de remanentes para outras actuacións
Adicionalmente, coa utilización de remanentes do Plan Único 2023, acometerase a reparación do firme nunha estrada en Cacabelos (Mazoi). Tamén se realizarán melloras no camiño municipal que vai de Mazoi a Benade, con fondos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que inclúe o amaño do firme con aglomerado en quente e obras accesorias, cun custo adxudicado de 100.279 €.
“Estas obras non só responden á necesidade de conservar as dotacións públicas existentes, senón que tamén amosan a capacidade do noso equipo para poder executar, de forma simultánea, múltiples proxectos grazas ao acceso efectivo a diferentes mecanismos de financiación, ofrecendo unha resposta áxil ás demandas da veciñanza”, concluíu a alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos.
Audio
- Ana González Abelleira, sobre a rede viaria rural | Descargar mp3


