A Xunta de Goberno Local autorizou esta mañá a concesión de senllas subvencións de 200.000 € e 15.000 € á Protectora de Animais e Plantas e para a Asociación Michos, respectivamente.

O Executivo de Lara Méndez vén de revalidar o seu compromiso en prol da protección dos animais abandonados coa aprobación, esta mañá, en Xunta de Goberno, dunha achega económica de 200.000 euros para a Sociedade Protectora de Animais e Plantas e outra de 15.000 € para a Asociación Michos.
As axudas, enmarcadas no Plan Estratéxico de Subvencións, obedecen aos convenios de colaboración subscritos entre o Concello de Lugo e ámbalas dúas entidades e se corresponden coa actualización da cota anual para o exercicio en curso.
O tenente de alcaldesa e responsable de Medio Ambiente, Miguel Fernández, subliñou que “o obxectivo destas subvencións é apoiar ás entidades para que poidan mellorar o coidado dos animais que acollen nas súas instalacións, velando tamén polo control sanitario das colonias felinas existentes na cidade e fomentando a concienciación e bo comportamento da veciñanza ao respecto dos abandonos”.
O edil cualificiou de “moi valioso” o traballo que desenvolven tanto a Protectora como a Asociación Michos e sinalou que “a Administración local quere contribuír a ese labor a través destas achegas para que dean cobertura a cuestións tan importantes como a manutención e o benestar dos exemplares pero que tamén posibilitará a realización de campañas de sensibilización e doutras actividades educativas en prol da protección e o respecto ao medio ambiente”, concluíu Miguel Fernández.
Audio
- O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre as subvencións en prol da protección animal | Descargar mp3