O Executivo de Lara Méndez dótase dun Plan de Control Tributario en prol dunha fiscalización máis eficiente e xusta para o tecido social

O documento, cunha vixencia de 12 meses, terá unha incidencia directa no control da fraude e na inspección das actividades declaradas e o seu beneficio empresarial.

O edil de Economía lembrou que a recadación municipal supón o 60% dos ingresos que percibe o Concello, “cruciais no financiamento das políticas sociais que impulsamos”.

Só no último ano a taxa polo aproveitamento do dominio público local para o transporte de enerxía permitiu recadar 1’5 millóns de euros.

Mércores, 11 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez dótase dun Plan de Control Tributario en prol dunha fiscalización máis eficiente e xusta para o tecido social

1.543.202 €. Esa é a cantidade que o Concello de Lugo recadou no 2022 coa taxa de aproveitamento especial do dominio público local polas instalacións de transporte de enerxía eléctrica e gas.

Un tributo que grava directamente ás distribuidoras de enerxía pola afección que estas compañías ocasionan sobre os bens municipais ou comunais e co que o Executivo de Lara Méndez pretende reforzar os recursos dos que se nutre a Administración local, en prol da consecución dunha fiscalización máis eficiente e xusta para todo o tecido social.

Precisamente, con esta mesma vocación a Xunta de Goberno local aprobaba hoxe o Plan municipal de Control Tributario que, segundo sinalou o concelleiro de Economía e Recursos Humanos, Pablo Permuy, “pretende ser un instrumento de xestión en materia de aplicación de tributos pero, sobre todo, unha ferramenta para a loita contra a fraude fiscal que faga efectivos os principios de xustiza tributaria polos que toda a cidadanía debe contribuír ao sostemento do gasto público de acordo coa súa capacidade económica”.

O edil sinalou que os traballos de inspección estarán dirixidos polos responsables técnicos municipais e “o seu obxectivo será o de contribuír ao incremento da recadación voluntaria, no caso dos tributos de cobro periódico, pero tamén levar a cabo un maior labor de inspección e tramitar os expedientes que xurdan ao abeiro do mesmo”.

Permuy Villanueva explicou, a continuación, que “o cometido a desenvolver terá unha incidencia directa sobre, entre outros, o Imposto de Actividades Económicas, para detectar actividades non declaradas; no ICIO, para verificar que se corresponde o custo real das obras unha vez finalizadas coa licenza solicitada e tamén sobre a Taxa polo aproveitamento especial do dominio público a favor das compañías explotadoras de servizos de subministración de interese xeral co fin de comprobar que non estean operando empresas que non tributan por ese concepto”, abondou o edil.

O documento, de carácter reservado segundo determina a normativa vixente (Apartado 7 do artigo 170 do Real decreto 1065/2007), será un texto aberto ao que se poidan ir incorporando as informacións que trasladen os propios equipos de inspección e recollerá, entre outros, os criterios sectoriais e territoriais, cuantitativos ou comparativos que servirán para seleccionar ás e aos obrigados tributarios.

O Plan terá unha duración de 12 meses, prorrogable automaticamente, aínda que durante a súa vixencia poderán aprobarse as modificacións que se estimen convenientes.

“A sua misión é, en definitiva, exercer un control sobre as actividades con risco potencial de defraudación, evitar á diminución dos valores postos ao cobro por parte do Concello - ben sexa por prescrición ou por insolvencia - e previr e realizar un seguimento dos incumprimentos detectados”, referiu o concelleiro quen tamén deu conta das liñas prioritarias de actuación: “potenciar a concienciación contra a fraude, favorecer a tarefa inspectora e reforzar as alianzas institucionais con outras administracións tributarias, especialmente coa autonómica e coa Axencia Estatal, en materia de intercambio e tratamento da información”.

Igualmente, Pablo Permuy anunciou que na execución do devandito Plan a Institución local procurará axilizar os procedementos administrativos e reducir as cargas burocráticas coa finalidade de mellorar as relacións coa cidadanía.

Antes de rematar, o responsable da área económica do Concello lembrou que o cobro dos impostos e taxas supón o 60% dos ingresos que entran nas arcas municipais “e, por tanto, son un sustento fundamental que nos permite seguir sendo o principal apoio das familias lucenses, especialmente daquelas que se atopan nunha situación de vulnerabilidade”.

“Precisamente por iso precisamos garantilos, a través da recadación local, como principal ferramenta de financiamento das políticas socias do Concello. Trátase, pois, dunha cuestión de subsistencia financeira pero tamén de xustiza fiscal para que, especialmente, as empresas tributen, verdadeiramente, pola actividade que desenvolven e polos ingresos que perciben. Unha competencia recollida nas Ordenanzas locais e que pretendemos exercer con eficacia dotándonos daqueles recursos que están á nosa disposición e que permitirán que todas e todos, cidadanía e tamén tecido produtivo, contribuïamos, na medida que nos corresponde”, concluíu Pablo Permuy.

Audio

  • Pablo Permuy, sobre o Plan de Control Tributario | Descargar mp3
 

Noticias relacionadas