O Concello subvencionará os libros de texto e material escolar de preto de 450 alumnos lugueses

Manuel Núñez avanzou que a entidade local destina 36.500 euros a estas axudas, coas que a entidade local colabora na mellora da calidade educativa e na igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas do municipio

A entidade local convocará nos vindeiros días estas bolsas, que consisten nun vale desconto por un importe de 80 euros

Luns, 29 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo convoca un ano máis as axudas para a adquisicón de material escolar e didáctico para alumnos e alumnas de educación infantil, co obxectivo de colaborar na mellora da calidade educativa e na igualdade de oportunidades de todos os nenos e nenas do municipio. Así o avanzou este luns o Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, quen manifestou o compromiso do Goberno Local con todas e cada unha das necesidades das familias do municipio.

“Dende a entidade local, a pesar de non ter competencias en materia de Educación, entendemos que con estas axudas, para as que destinamos 36.500 euros, facilitamos o acceso á educación a toda pobación en igualdade de condicións, ao tempo que contribuimos a superar as desigualdades e impulsamos unha mellor educación”, subliñou Núñez.

A entidade local convocará nos vindeiros días estas bolsas escolares para educación infantil, de 3 a 6 anos, e para alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos. Estas axudas, que chegarán a preto de 450 alumnos, consisten nun vale desconto por un importe de 80 euros con destino á compra de libros ou material escolar nas librerías da cidade. Para acceder a ditas axudas o único criterio é a renda familiar e é necesario que o alumno estea censado en Lugo.

A convocatoria sairá publicada no Boletín Oficial da Provincia e na Plataforma Bases Nacionais de Subvencións. O formulario estará a disposición dos interesados na área de Educación, no Centro de Convivencia Uxío Novoneyra, así como no propio BOP. As solicitudes presentaranse no Rexistro Municipal.

Audio

  • Manuel Núñez, sobre a subvención de libros de texto e material escolar a preto de 450 alumnos lugueses | Descargar mp3

Noticias relacionadas