O Concello reactiva a Mesa Local de Comercio para impulsar novas medidas de apoio ao sector

O órgano, que levaba preto de cinco anos sen convocarse, volverá reunirse en xullo nunha sesión específica para preparar a campaña de Nadal e avanzar en novas iniciativas de dinamización comercial

Martes, 09 de xuño de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello reactiva a Mesa Local de Comercio para impulsar novas medidas de apoio ao sector

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, reuniu hoxe a Mesa Local de Comercio, un órgano de participación que levaba preto de cinco anos sen convocarse e que o novo Goberno municipal quere recuperar como ferramenta estable de diálogo co sector.

Na reunión participou tamén a concelleira de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Cristina Sanz, así como representantes da Federación de Comercio, Lugo Monumental, a Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo e FACUA, ademais de membros dos grupos municipais do PSOE e do BNG así como o director xeral de Comercio.

A alcaldesa de Lugo destacou a importancia de reactivar este órgano para que as iniciativas municipais en materia comercial se deseñen coa participación directa dos comerciantes, consumidores e asociacións representativas do sector.

“Queremos que as decisións que afecten ao comercio local se adopten escoitando aos seus protagonistas. Esta mesa debe ser un espazo útil de diálogo, colaboración e traballo conxunto”, sinalou.

Durante o encontro abordáronse distintas propostas de dinamización comercial e acordouse volver convocar a Mesa Local de Comercio durante o mes de xullo para celebrar unha reunión monográfica centrada na preparación da campaña de Nadal.

Entre as iniciativas trasladadas polo Goberno local figura o impulso dunha campaña de bonos comercio para incentivar o consumo nos establecementos da cidade e apoiar a actividade económica local.

Así mesmo, Elena Candia avanzou a intención do Concello de estudar  medidas de apoio á conciliación destinadas a pequenos empresarios, autónomos e comerciantes, co obxectivo de facilitar a compatibilidade entre a actividade profesional e a vida familiar.

Outro dos asuntos abordados foi o reforzo da figura do consumidor lucense, a través da colaboración coas asociacións de defensa dos consumidores implantadas, promovendo accións de información, asesoramento e sensibilización.

Durante a reunión tamén se expuxo a posibilidade de manter encontros cos concesionarios dos aparcadoiros públicos para analizar fórmulas que permitan ofrecer vantaxes ou descontos aos consumidores que realicen as súas compras no comercio local.

O Goberno municipal reafirma así o seu compromiso co comercio de proximidade e coa recuperación dos espazos de participación que permitan traballar da man dun sector fundamental para Lugo.

Multimedia

  • O Concello reactiva a Mesa Local de Comercio para impulsar novas medidas de apoio ao sector

Noticias relacionadas