O Concello pon o foco nas actividades interxeracionais do novo programa de animación sociocultural con 2.000 prazas dispoñibles

As e os lucenses de todas as idades poderán inscribirse en máis de 30 cursos, que se desenvolverán entre outubro e maio en nove centros de convivencia da cidade.

Poranse en marcha actividades de estimulación cognitiva, físicas, de artesanía, novas tecnoloxías, culturais, de benestar e saúde e tamén novas propostas artísticas.

Estas propostas, gratuítas ou cun custo simbólico, están dirixidas a maiores de 60 anos, adultos, á mocidade, nenas e nenos e tamén ao colectivo de migrantes. 

Venres, 05 de setembro de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello pon o foco nas actividades interxeracionais do novo programa de animación sociocultural con 2.000 prazas dispoñibles

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e a concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, presentaron esta mañá a programación de animación sociocultural 2025-2026, que se desenvolverá de outubro a maio en nove centros de convivencia da cidade. Este ano increméntanse o número de prazas, preto de 2.000, e as distintas propostas, con máis de 30 actividades para maiores, adultos e para a cativada. De entre todas as novidades, o alcalde de Lugo destacou que “este ano púxose o foco no desenvolvemento de actividades interxeracionais, para promover o ocio activo entre a mocidade e as e os maiores, para que o tempo de lecer sexa produtivo e enriquecedor”.

Ademais, o rexedor municipal puxo en valor unha programación deseñada para todas as idades, gustos e niveis, e mostrouse convencido de que “todas estas propostas lograrán unha boa aceptación para que, un ano máis volvamos contribuír a un ocio saudable, divertido, con cousas que aportar e positivo a todos os niveis”.

Pola súa banda, a responsable desta programación e da área de Cohesión Social, Olga López Racamonde, sinalou que “un ano máis intentamos adaptarnos as demandas da veciñanza, incorporar novas propostas de ocio e, por suposto, manter as que ano tras ano teñen tanto éxito, como as de estimulación cognitiva, as dirixidas ó uso de novas tecnoloxías, utilización de internet, mellora do emprego do móbil, e as actividades físicas e deportivas”. A todas elas, este ano sumamos novidades como “pintura para socializar, teatro de barrio, horta e flores no balcón, traballos manuais e distintas clases de artesanía, tardes de xogo, faladoiros e saídas culturais por Lugo, entre moitas outras propostas, para favorecer o ocio entre distintas xeracións, algo que cremos pode achegar vivencias positivas tanto á xente moza como aos maiores, e contribuír ao crecemento persoal e social dos e das participantes”.

Ademais, ao igual que outros anos haberá actividades para cativos e cativas de apoio escolar e de reforzo; propostas pensadas especificamente para o colectivo migrante e cursos que publicitaranse máis adiante para estudiar a súa aceptación como os obradoiros de xardíns infinitos, kokedamas (unha técnica xaponesa de cultivo de plantas); elaboración de xabón; sábados de troco (para intercambio de contos ou cromos entre os máis novos); ou os paseos dinámicos e culturais, entre outras iniciativas.

Todas estas actividades desenvolveranse nos centros de convivencia de Fingoi, Lamas de Prado,  Leiras Pulpeiro, María Balteira, Paco Martín, Maruja Mallo, Milagrosa, Sagrado Corazón e Uxío Novoneyra. As inscricións poderanse facer desde o 15 ao 19 de setembro. Toda a información de actividades e centros; e dos prazos de solicitude e matrícula xa está dispoñible na web do Concello de Lugo ou ben en cada un dos nove centros de convivencia nos que se desenvolverá esta programación.

Máis info

Audio

  • O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, sobre o programa de Animación Sociocultural| Descargar mp3
  • A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, sobre o programa de Animación Sociocultural | Descargar mp3

Multimedia

  • O Concello pon o foco nas actividades interxeracionais do novo programa de animación sociocultural con 2.000 prazas dispoñibles
  • O Concello pon o foco nas actividades interxeracionais do novo programa de animación sociocultural con 2.000 prazas dispoñibles

Noticias relacionadas