O Concello pon en marcha unha segunda enquisa para coñecer a evolución sobre a percepción medioambiental da cidadanía

O cuestionario, anónimo, permitirá avaliar a apreciación colectiva e o grao de sensibilización sobre a incidencia e os efectos do cambio climático no municipio.

Lara Méndez: “Serviranos para analizar a percepción da cidadanía sobre esta ameaza global, ante a que nos adiantamos na adopción de medidas en Lugo”.

A iniciativa enmárcase nas accións incluidas na planificación e desenvolvemento do futuro barrio multiecolóxico da Garaballa, promovido pola rexedora lucense.

Xoves, 15 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello pon en marcha unha segunda enquisa para coñecer a evolución sobre a percepción medioambiental da cidadanía

O Concello de Lugo pon en marcha unha nova enquisa aberta a toda a veciñanza de Lugo no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico, que impulsa na súa estratexia de cidade sostible e co fin de avanzar no deseño das urbes sostibles europeas de tamaño medio. O obxectivo da enquisa é fomentar a participación cidadá no desenvolvemento de estratexias de mitigación e adaptación ao cambio climático na cidade de Lugo, ao tempo que se avalía a apreciación colectiva e o grao de sensibilización sobre a incidencia e os efectos do cambio climático no municipio e na provincia.

Neste senso, Lara Méndez explicou que a información recollida a través deste cuestionario “serviranos para analizar a percepción da cidadanía sobre esta ameaza global, ante a que nos adiantamos na adopción de medidas en Lugo, sendo un concello pioneiro na posta en marcha de actuacións destinadas a reducir as emisións de CO2,ampliar as zonas verdes e no que a sostibilidade se sitúa como eixo transversal en todas as áreas de goberno”.

A enquisa, que se cumprimenta de xeito completamente anónimo, pode realizarse en galego e en español e as respostas recollidas serán empregadas, así mesmo, para valorar o impacto que está a ter sobre a cidade de Lugo o LIFE Lugo + Biodinámico e analizar o nivel de coñecemento da veciñanza sobre este proxecto europeo.

Ademais, os resultados obtidos a través deste formulario servirán tamén para medir o labor que dende o Concello de Lugo se está a levar a cabo co obxectivo de sensibilizar á poboación en materia de mitigación climática e posta en valor do novo modelo de cidade, á vangarda en urbanismo sostible. O enlace directo para participar é o seguinte:

A enquisa, que permanecerá aberta durante un mes, está recollida dentro das accións incluidas na planificación e desenvolvemento do futuro barrio multiecolóxico da Garaballa, o primeiro que se pon en marcha dende cero en España, polo que a participación e as suxestións de toda a veciñanza son de vital importancia para o seu desenvolvemento.

O LIFE Lugo+Biodinámico é un proxecto impulsado polo Concello de Lugo, cofinanciado polo Concello, fondos europeos e a Deputación, e que se desenvolve coa colaboración do Campus Terra e a Universidade Politécnica de Madrid.

Noticias relacionadas