O Concello de Lugo lembra os valores da II República no seu 94 aniversario cun acto de homenaxe e compromiso democrático

A portavoz do Goberno Local, Ana González Abelleira, deu lectura ao manifesto e presidiu o acto, ao que foron convidados todos os grupos políticos da Corporación.

Luns, 14 de abril de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo lembra os valores da II República no seu 94 aniversario cun acto de homenaxe e compromiso democrático

A portavoz do Goberno Local, Ana González Abelleira, acompañada de membros do Executivo Municipal e doutros representantes institucionais, encabezou esta tarde o acto de conmemoración do 94 aniversario da II República, ao que tamén foron convidados todos os grupos políticos presentes na Corporación.

A edil deu lectura, diante do monolito da Praza da Soidade, a un manifesto co que quixo enxalzar os valores de liberdade, xustiza social e cultura democrática que definiron esta etapa clave da historia contemporánea.

“Hoxe, 14 de abril, conmemoramos unha das datas máis significativas da nosa memoria democrática. Reivindicamos o legado das persoas que soñaron e traballaron por unha sociedade máis xusta, igualitaria e libre. Mulleres e homes que, con determinación, apostaron polo coñecemento, os dereitos e a participación como alicerces dun país mellor”, destacou González Abelleira.

A voceira fixo tamén unha lembranza especial do 14 de abril de 1931, cando, hai agora 94 anos, as bandeiras republicanas comezaban a ondear en Lugo desde primeira hora da mañá na sede do Partido Republicano, na rúa do Bispo Aguirre. Pola tarde, foi na estación de Telégrafos onde a tricolor se izou oficialmente por primeira vez, antes de que, ás nove da noite, a nova corporación proclamase a República dende o Concello, cubrindo coa bandeira galega a coroa do escudo municipal. “Naquel acto, o doutor Rafael de Vega dirixiu un discurso á cidadanía desde o balcón da Casa Consistorial, apelando á cordura, ao respecto e á convivencia. Anos despois, en 1936, De Vega sería asasinado polos golpistas, converténdose nun símbolo do compromiso coa liberdade e a xustiza”, lembrou Abelleira.

A portavoz tamén subliñou que, “nun momento como o actual, no que asistimos a unha preocupante polarización social e a ataques á convivencia democrática, é máis necesario ca nunca lembrar e poñer en valor os principios republicanos que sitúan ás persoas no centro das políticas públicas”.

“Este día non é só un recordo, senón tamén un compromiso de futuro: co ensino público, coa igualdade de oportunidades, coa sanidade universal, coa laicidade das institucións e co fortalecemento dunha cidadanía crítica, activa e solidaria”, engadiu.

González Abelleira rematou a súa intervención lembrando que “a II República foi tamén o tempo das pioneiras, das mestras, das primeiras concelleiras, das loitadoras anónimas que abriron camiños. Esa herdanza é hoxe unha responsabilidade colectiva que debemos honrar con feitos, e non só con palabras”.

Noticias relacionadas