O Concello de Lugo denuncia actos vandálicos no canil de Frigsa, recén reformado a petición da veciñanza

Nas últimas semanas producíronse danos no sistema de rega e nas infraestruturas do canil de Frigsa, provocando prexuízos nas zonas verdes e nos servizos dispoñibles para as mascotas.

A renovación da instalación, que contou cun investimento de preto de 96.000 euros, incluíu a montaxe dun circuíto agility, zona de lavado e peiteado de mascotas, pérgola cuberta, e pavimento brando nas áreas de xogo. Tamén implicou a renovación do sistema de rega e drenaxe, a mellora do céspede e a conservación das árbores da contorna.

O Concello de Lugo xa está traballando para arranxar os desperfectos no menor tempo posible, co obxectivo de que o canil poida volver estar plenamente operativo canto antes.

“É fundamental que todos e todas respectemos estas dotacións para que os veciños e as súas mascotas poidan continuar desfrutando dun espazo renovado e pensado para o seu lecer”, subliñou o edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández.

Luns, 26 de agosto de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo denuncia actos vandálicos no canil de Frigsa, recén reformado a petición da veciñanza

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da área de Transición Ecolóxica, lamenta profundamente os actos vandálicos que están a prexudicar o canil de Frigsa, unha infraestrutura renovada recentemente polo Goberno local tras unha reforma integral. Este recinto foi inaugurado o pasado 8 de xullo pola alcaldesa Paula Alvarellos e o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, e converteuse nunha zona de esparexemento fundamental para as mascotas do barrio da Milagrosa.

Os danos máis graves producíronse no sistema de rega, afectando aos difusores e ás electroválvulas, o que está a deteriorar de xeito especial o céspede nesta época estival. Así mesmo, tamén se rexistraron desperfectos na mesa de peiteado e lavado de cans, que forma parte dos servizos dispoñibles no canil. O Concello de Lugo xa están traballando para arranxar os desperfectos no menor tempo posible, co obxectivo de que o canil poida volver estar plenamente operativo canto antes.

Miguel Fernández, concelleiro de Transición Ecolóxica, expresou a súa preocupación polos danos ocasionados: “É unha pena ver como se está a deteriorar unha instalación na que o Goberno local investiu esforzo e recursos, atendendo ás peticións da veciñanza. Estas actuacións non só supoñen unha perda económica, senón que tamén prexudican o benestar das mascotas e a convivencia no barrio.”

Desde o Goberno local faise un chamamento ao civismo, solicitando a colaboración da cidadanía para coidar destas instalacións, deseñadas para que as persoas poidan gozar dun espazo seguro e adecuado xunto ás súas mascotas. “É fundamental que todos e todas respectemos estas dotacións para que os veciños e as súas mascotas poidan continuar desfrutando dun espazo renovado e pensado para o seu lecer”, engadiu Fernández.

A reforma integral do canil de Frigsa, que contou cun investimento de preto de 96.000 euros, incluíu a instalación dun circuíto agility, zona de lavado e peiteado de mascotas, pérgola cuberta, e pavimento brando nas áreas de xogo. As obras tamén implicaron a renovación do sistema de rega e drenaxe, así como a mellora do céspede e a conservación das árbores da contorna.

Multimedia

  • O Concello de Lugo denuncia actos vandálicos no canil de Frigsa, recén reformado a petición da veciñanza

Noticias relacionadas