O Concello de Lugo autoriza á hostalaría local a instalar elementos de confort para aclimatar as terrazas durante o inverno

A medida súmase á exención en 2021 do pago da taxa pola ocupación que fan da vía pública con estes espazos.

“O obxectivo é aportar solucións ás limitacións que impón a pandemia para garantir a viabilidade do sector e tamén os postos de traballo que xenera”, sinalou a alcaldesa.

Venres, 04 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo autoriza á hostalaría local a instalar elementos de confort para aclimatar as terrazas durante o inverno

O Concello de Lugo vén de autorizar á hostalaría local a instalación de elementos de confort para aclimatar as terrazas e mellorar a súa comodidade durante os meses de inverno, “cando as condicións meterolóxicas resultan máis adversas e limitan o uso destes espazos”, sinalou a alcaldesa.

Lara Méndez anunciou que a finalidade desta medida é seguir apoiando ao sector para acadar que, “agora que poden volver a abrir as súas portas, aínda que con restricións de aforo e horario, conten co necesario para poder manter a súa actividade e tamén os postos de traballo que xeneran”.

A rexedora puxo en valor, unha vez máis, a importancia da colaboración público – privada ao abeiro da que se artellaron as iniciativas desenvolvidas pola administración local dende o inicio da pandemia e que fixo que o Concello de Lugo fora pioneiro na posta en marcha de acertadas actuacións que contribuíron á supervivencia do tecido produtivo local e, nomeadamente, da hostalaría como foi a creación do Plan Reanima, ás bonificacións ás ordenanzas municipais, ou os programas de formación non só para propiciar o emprendemento senón tamén para favorecer a modernización das empresas.

Lara Méndez quixo, iso si, facer un novo chamamento á responsabilidade tanto individual da veciñanza como aos propietarios dos establecementos para que se cumpran de maneira escrupulosa todas as recomendación realizadas polas autoridades sanitarias, “de maneira que a viabilidade destes negocios e o desfrute do ocio non interfiran nos avances que, pouco a pouco, estamos a facer o conxunto da sociedade para frear a propagación do coronavirus”.

Xa para concluír, a alcaldesa lembrou que, co fin de axudar á recuperación dun dos principais motores económicos da cidade, a hostelería permanecerá exenta de pagar as taxas polo espacio que ocupen na vía pública durante todo o ano que vén.  

Noticias relacionadas