O Concello de Lugo adxudica de novo o mantemento dos desfibriladores logo de rescindir o contrato á anterior concesionaria

A Xunta de Goberno outorgará mañá a licitación por un importe de 74.288 € e unha duración de catro anos, dentro da que tamén se inclúe a impartición de case un cento de cursos formativos.

Esta semana se validarán, alén, os procedementos para continuar cos programas socioeducativos de prevención nos centros escolares e tamén de apoio psicolóxico a menores fillo/as de vítimas de violencia de xénero.

Martes, 28 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo adxudica de novo o mantemento dos desfibriladores logo de rescindir o contrato á anterior concesionaria

O Concello de Lugo adxudicará esta semana o mantemento dos desfibriladores (57 + 10 totems exteriores) instalados nos edificios municipais e prazas da cidade, logo de rescindirlle o contrato a anterior concesionaria ante os incumprimentos do mesmo.

A Xunta de Goberno local outorgará mañá a licitación, por un importe de 74.288 euros, a Anek S-3, ao presentar a oferta máis vantaxosa das cinco empresas que concorreron ao proceso. O contrato terá cunha duración de catro anos e dentro do mesmo tamén se incluirá a impartición de 95 cursos formativos.

A propia edil de Benestar Social, Olga López Racamonde, sinalou que “Lugo é a cidade máis cardioprotexida de Galicia pero dispoñer dos dispositivos resulta tan importante como garantir o seu bo funcionamento e saber utilizalos, de aí que resulte igual de fundamental non só contar cos desfibriladores senón tamén capacitar aos traballadores municipais e ao resto da poboación no seu manexo. Son coñecementos que axudan a salvar vidas”, indicou a responsable de área.

Por outra banda, o Executivo local aprobará, ademais, na mesma sesión a apertura dos procedementos para darlle continuidade aos programas socioeducativos de prevención nos centros escolares e de apoio psicolóxico a menores fillos e fillas de vítimas de violencia de xénero. Dúas prestacións xa existentes e coas que dende a concellería de Muller se pretende fomentar a educación en igualdade, eido no que o Goberno de Lara Méndez traballa de maneira permanente e transversal como a mellor ferramenta para acadar unha sociedade xusta e libre.

Noticias relacionadas