O Concello conmemora o Día Internacional da Infancia cun encontro de participación infantil

A Alcaldesa presidiu o encontro, no que participaron alumnos de 6º de Primaria dos colexios de Fingoi, Cervantes, Galén, Franciscanos e Rosalía de Castro

Os rapaces propuxeron a instalación de buzóns nas rúas para enviar suxestións ao Concello ou a construción dunha Casa do Neno, entre outras cuestións

Venres, 20 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Encontro polo Día Internacional da Infancia

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presidiu este venres no Salón de Plenos un encontro de participación infantil, organizado por UNICEF, coa colaboración do Concello, para conmemorar o Día Internacional da Infancia. Trátase dun foro no que participaron alumnos de 6º de Primaria de 5 colexios lucenses e no que fixeron propostas a prol da infancia. Ao acto tamén asistiu a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, e a presidenta de Unicef Lugo, Mar Maseda.

“Con este encontro celebramos que se cumpren 26 anos dende que se aprobou a Convención de Dereitos dos Nenos, o 20 de novembro de 1989, ao tempo que conmemoramos o Día Internacional da Infancia e axudamos a tomar conciencia da solidariedade”, afirmou Méndez, quen fixo fincapé na importancia da participación para a consecución dos dereitos fundamentais.  

Pola súa banda, Maseda agradeceu ao Concello e aos cinco centros educativos a súa “aposta polas causas xustas e por non esquecerse dos nenos e nenas”.

5 colexios participantes

Neste encontro participaron alumnos de 6º de Primaria dos colexios de Fingoi, Cervantes, Galén, Franciscanos e Rosalía de Castro, que presentaron diferentes propostas e preguntas ante os representantes do Goberno municipal. Neste senso, os máis cativos propuxeron a instalación de buzóns nas rúas para enviar suxestións anónimas ao Concello ou a construción dunha Casa do Neno.

Previamente á celebración deste encontro, os nenos e nenas estudaron nos seus colexios os distintos dereitos recollidos na Convención de Dereitos. O colexio Fingoi foi o encargado de tratar o dereito á participación na vida social, no de Cervantes traballaron sobre o dereito dos nenos e nenas a ter unha identidade e no colexio Galén, sobre a protección contra o traballo infantil. Os alumnos do colexio Franciscanos estiveron traballando sobre o dereito á educación e a poder desenvolverse a través dos xogos e no de Rosalía sobre o dereito a ter acceso a unha sanidade gratuíta. “Unha sociedade que aposta pola sanidade e pola educación como motor de desenvolvemento é unha sociedade intelixente e con futuro”, asegurou a rexedora.

O Concello de Lugo, sensibilizado cos dereitos da infancia e da adolescencia

 O Concello de Lugo,  sensibilizado coa protección dos dereitos da infancia e da adolescencia, aprobou o I Plan Integral Municipal de Infancia e Adolescencia para os anos 2011- 2015. Neste plan recóllense todos os programas e actuacións que se están desenvolvendo dende as distintas áreas municipais e, dende este punto de partida, establécense distintos obxectivos e accións para desenvolver nas 8 áreas que ten o programa.

Este plan está fundamentado nos principios de interese superior do menor, transversalidade, igualdade de oportunidades, integración e o principio de participación. Pártese da necesidade de promover espazos de participación para que a súa voz sexa oída no ámbito do público e que as súas decisións sexan respectadas e a súa opinión tida en conta á hora de programar accións futuras. Os menores teñen dereito a asumir un papel activo e protagonista no seu entorno, debendo ofrecerlles a oportunidade de participación na sociedade. En definitiva, trátase de conseguir que os nenos, nenas e adolescentes lucenses vexan cumpridos no seu municipio todos os dereitos recollidos na Convención de Dereitos dos Nenos e nas normas nacionais, e intentar deseñar unha cidade amiga da infancia onde as súas opinións sexan tidas en conta á hora de programar futuras accións.

Multimedia

  • Encontro polo Día Internacional da Infancia

Noticias relacionadas